A Xunta repartiu máis de 17.000 composteiros domésticos grazas ao seu programa para fomentar a autocompostaxe

xoves, 12 Agosto, 2021 - 00:00

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda repartiu de forma gratuíta máis de 17.000 compostadores entre as 402 entidades adheridas ata o momento ao programa de compostaxe doméstica que lidera Sogama desde hai máis dunha década.

Os recipientes, cunha capacidade de 390 e 400 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables, sendo a súa función propiciar que o proceso de autoxestión da materia orgánica se leve a cabo de forma cómoda, hixiénica e eficiente. Así mesmo, trátase de recuperar tamén unha práctica tradicional no medio rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando ou elaboración de compost.

Para isto, é necesario que as vivendas participantes sexan unifamiliares e dispoñan de terreo —horta, xardín ou terras de cultivo— no que poder aplicar o abono resultante.

Do total de entidades adscritas actualmente ao programa, a maioría son concellos e centros educativos aínda que tamén hai colectivos sociais, e a cifra segue crecendo. De feito, só no que vai de ano 20 novos concellos decidiron sumarse á iniciativa e 37 acordaron ampliala a novas vivendas co fin de poñer en valor a materia orgánica mediante a súa transformación en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo, xa que achega nutrientes e mesmo o protexe fronte a pragas e enfermidades.