A Xunta publica a segunda convocatoria para a elaboración de Plans de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible do Pacto das Alcaldías

domingo, 10 Xaneiro, 2021 - 00:00

Publicada no Diario Oficial de Galicia a ORDE do 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da segunda convocatoria para a concesión de axudas a entidades locais asinantes do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía Sustentable, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2021, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento MT210A).

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, é a coordinadora do Pacto das Alcaldias da Unión Europea para o Clima e a Enerxía en Galicia, quen ven traballando cos Concellos galegos promovendo e apoiando a súa adhesión e a consecución dos seus compromisos. Compre sinalar que na actualidade 236 concellos galegos sumáronse a esta iniciativa.

Coa segunda convocatoria destas axudas, a Xunta de Galicia continúa apoiando ás entidades locais no cumprimento dos seus compromisos de adhesión, e concretamente na realización do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES), plan que os municipios adheridos ao Pacto comprométense a redactar nun prazo máximo de dous anos dende a data de adhesión. No ano 2020, 186 concellos resultaron beneficiarios desta axuda, o que lles facilitou a elaboración dos seus PACES.

Estas axudas están destinadas ás entidades locais municipais, supramunicipais e agrupacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, que estean adheridos formalmente ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía e que non dispoñan do PACES nin redactado nin aprobado.

A Xunta de Galicia apoia, asesora e axuda aos concellos adheridos ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía no seu compromiso de reducir as emisións de CO2 no seu territorio para o ano 2030  en, polo menos, o 40% a través de medidas de eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovable, así como na implantación de medidas de adaptación ao cambio climático e aumento da resiliencia fronte a este nos seus territorios.

Axudas

O enlace ás bases reguladoras das Axudas é o seguinte: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210210/AnuncioG0532-260121-0002_gl.html

Requisitos entidades beneficiarias:

a) Estar adheridas formalmente ao Pacto das Akcaldías para o clima e a enerxía sustentable, aprobado pola Comisión Europea o 15 de outubro de 2015, antes da solicitude da axuda. Considerarase a adhesión formal cando se rexistren na web da Oficina do Pacto da Unión Europea www.pactodelosalcaldes.eu

b) Non ter Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) presentado na web da Oficina do Pacto da Unión Europea.

Prazo de presentación de solicitudes: Un (1) mes, contado dende o día seguinte ao da publicación da Resolución no Diario Oficial de Galicia.

Prazo de execución e xustificación: 3 de decembro de 2021

Gastos subvencionables: contratación dos servizos de elaboración dos PACES

Contía das axudas:

Poboación Concellos

Financiamento máximo

Ata 2.000 habitantes

Ata 3.000€

De 2.001 a 5.000 habitantes

Ata 4.000€

De 5.001 a 10.000 habitantes

Ata 6.000€

De 10.001 a 20.000 habitantes

Ata 9.000€

De 20.001 a 50.000 habitantes

Ata 11.000€

De 50.001 a 100.000 habitantes

Ata 15.000€

Máis de 100.000 habitantes

Ata 20.000€

Se un concello non está adherido e desexa sumarse ao Pacto, pode contactar co persoal da Oficina Técnica da Xunta de Galicia para o Pacto das Alcaldías, chamando ao 670506359 ou ben enviando un correo electrónico á dirección pactodealcaldes@xunta.gal

Para dúbidas de tipo administrativo relativas á Orde das axudas poden enviar un correo electrónico á dirección axudas.cmaot@xunta.gal 

@GaliciaSostible #Compromiso #CambioClimático #Resiliencia