A Xunta pon en marcha o terceiro Plan Moves, dotado con preto de 23 millóns de euros, para a compra de vehículos eléctricos e a instalación de puntos de recarga

xoves, 19 Agosto, 2021 - 00:00

O terceiro Plan Moves, o programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica xestionado polas comunidades autónomas, contará cun total de 22,7 millóns de euros para a compra de vehículos eléctricos e a instalación de puntos de recarga.

As axudas estarán dirixidas a particulares, comunidades de propietarios, empresas, entidades locais e administracións públicas, incluída a Xunta de Galicia. Todos eles poderán solicitalas a partir do 13 de setembro, momento a partir do cal iranse adxudicando os apoios segundo orde de chegada ata que finalice o prazo, o último día de 2023. As axudas estarán dispoñibles ata que se esgote o crédito do plan, podendo finalizar este antes do prazo previsto.

Así mesmo, as solicitudes tramitaranse a través das entidades colaboradoras, que son os concesionarios, para a compra dos vehículos; e os instaladores de baixa tensión, para implantar os puntos de recarga.

A previsión é mobilizar ao abeiro deste plan 98 millóns de euros; xerar un aforro económico de 2,3 millóns anuais en custos de combustible; do cal un aforro de 1,3 millóns litros correspondería a gasóleo; e unha redución do CO2 equivalente a 186.000 árbores.

+INFO en http://www.inega.gal/subvencions/subvencions/aforro/2021/ficha_aforro202...