A Xunta defende en Ourense a transparencia e a cooperación institucional como garantía dun desenvolvemento eólico sostible

venres, 14 Xaneiro, 2022 - 00:00

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo hoxe un encontro con alcaldes e representantes de municipios da provincia de Ourense para informarlles sobre os parques eólicos en tramitación. Na reunión, na que participou tamén o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, Paula Uría trasladoulles o compromiso da Xunta coa transparencia e a cooperación entre administracións para lograr un desenvolvemento do sector eólico ordenado e sostible.
 

Paula Uría subliñou que a Xunta ten claro que o futuro do sector eólico en Galicia debe pasar por unha planificación ordenada, que permita achegar seguridade xurídica ao sector, ao mesmo tempo que dá prioridade a un desenvolvemento compatible co medio natural. E, con ese obxectivo, lembrou que a Administración autonómica decidiu establecer unha moratoria de ano e medio que acaba de entrar en vigor este mesmo mes, para poder tramitar coas máximas garantías os 275 expedientes que hai agora sobre a mesa e que suman 7200 MW.

Por outra banda, para reforzar a compatibilidade coa protección do medio ambiente e as actividades do sector primario, destacou que a Administración galega propuxo unha nova limitación na distancia dos aeroxeradores con respecto aos núcleos de poboación, pasando dos 500 metros actuais a cinco veces a altura total do aparello, logrando así un menor impacto visual.

Paula Uría lembrou tamén que, dentro do obxectivo de levar a cabo un desenvolvemento eólico ordenado, a Xunta está a impulsar tamén ferramentas de transparencia, colaboración institucional e información destinadas aos concellos, á cidadanía e ao resto de entidades interesadas. Un exemplo destas iniciativas é a rede de información provincial de proxectos eólicos, que permite que, antes de proceder á exposición pública dos proxectos, póidase dar información de primeira man aos concellos nos que se previron implantar.

Ademais, o Goberno galego preparou unha guía divulgativa da tramitación dun proxecto eólico que se pode atopar na web da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, co ánimo de mellorar a información aos cidadáns sobre o proceso de tramitación dos parques eólicos. Neste sentido, púxose en marcha unha oficina de información a propietarios de terreos para facilitarlles a información precisa sobre o método e os criterios de valoración dos terreos afectados, así como a normativa aplicable para a clasificación e cualificación do chan –pódese contactar con este servizo a través do teléfono 881 122 908 ou no correo infoeolicos-propietarios.enerxia@xunta.gal

A Xunta, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), ten abertas convocatorias de axudas por 37 millóns de euros para promover as enerxías renovables, o autoconsumo e o almacenamento enerxético, con diferentes partidas destinadas a empresas, particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas.

Entre as iniciativas que se poden beneficiar destes programas atópanse as comunidades enerxéticas locais, que favorecen o desenvolvemento social e económico do territorio, axudando a crear emprego e fixar poboación no rural. Neste sentido, o Concello da Gudiña está a traballar na posta en marcha do que se coñece como “aldea xeradora”, capaz de producir a enerxía suficiente para autoabastecerse, cun proxecto de enerxía solar con acumulación de baterías.