A Xunta concede axudas a 69 concellos por máis de 825.000 euros para elaborar plans de emerxencia fronte á seca

mércores, 11 Agosto, 2021 - 00:00

A Xunta de Galicia concede axudas a 69 concellos para elaborar plans de emerxencia fronte á seca que supoñen un investimento de máis de 825.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de notificarlle aos municipios beneficiados o outorgamento destas subvencións enmarcadas nunha convocatoria dotada inicialmente con 250.000 euros, e posteriormente ampliada para atender as solicitudes recibidas.

Esta terceira convocatoria, publicada en abril deste ano, súmase ás dúas precedentes, que xa beneficiou a 40 concellos. Así, prevese acadar o vindeiro ano, polo menos, que 109 concellos dispoñan desta ferramenta para poder estar preparados e anticiparse a posibles situacións de seca.

As axudas, dirixidas os concellos de menos de 50.000 habitantes, financian o 80% do custo da redacción do plan, cun importe de ata 15.000 euros por solicitude e subvencionan actuacións realizadas desde o 1 de xaneiro de 2021. Ademais, as axudas son compatibles co cofinanciamento que acheguen outras administracións públicas, como as deputacións provinciais.

Os plans de emerxencia fronte a seca son un instrumento clave para anticiparse e preparar solucións que garantan o abastecemento de auga á poboación.

Con estes incentivos, o departamento que preside Ethel Vázquez, presta apoio técnico e financeiro en materia de augas aos concellos para que cada sistema de abastecemento dispoña do seu propio plan de emerxencia fronte á seca e teña claro como actuar ante unha situación de alerta.

Cómpre lembrar que a Lei de garantía de abastecemento de auga, aprobada pola Administración autonómica e que entrou en vigor en xaneiro de 2020, establece un prazo de 2 anos para que os concellos de menos de 20.000 habitantes elaboren plans de emerxencia fronte á seca.