A Xunta chama a restaurar hábitos que melloren a xestión dos residuos e reduzan o consumo dos recursos para evitar os impactos nos ecosistemas

martes, 8 Xuño, 2021 - 00:00

Ángeles Vázquez e Rosa Quintana salientan a importancia de tomar conciencia do valor destes espazos desde as idades máis temperás, pois do contrario os efectos da acción humana serán visibles de xeito inmediato.

A conselleira de Medio Ambiente anuncia que o Consello Consultivo Internacional para as Reservas da Biosfera informou favorablemente a candidatura da Ribeira Sacra, dando así o último paso antes da súa declaración.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, animaron hoxe aos galegos a restaurar os hábitos diarios e individuais que camiñen na mellora da xestión dos residuos e na redución do consumo dos recursos naturais, co fin de evitar impactos que deterioren os ecosistemas e o futuro do planeta.

Ambas conselleiras fixeron este chamamento durante a súa visita a un obradoiro de reciclaxe, organizado en Ribeira co gallo do Día Mundial de Medio Ambiente. Alí sinalaron que é importante que as persoas, desde as idades máis temperás, tomen conciencia da importancia de asumir condutas máis respectuosas co medio e que garantan un desenvolvemento sustentable.

Nesta liña, Ángeles Vázquez salientou que a sociedade está conectada ineludiblemente co medio ambiente, polo que é necesario usar con responsabilidade os recursos naturais dispoñibles, xa que do contrario as repercusións das accións humanas sobre a súa contorna serán inmediatas.

Explicou que este ano se pon o foco nos ecosistemas, que son moi diversos tanto pola súa natureza —desde un grao de area ata un río— como polo seu tamaño —desde unha praia ata o propio planeta—, e que teñen funcións moi necesarias, pois regulan o clima, fan que o aire sexa respirable, dannos auga e alimento e son o fogar de milleiros de especies. Sobre isto, subliñou que os datos rexistrados o ano pasado pola rede de calidade do aire de Galicia cumpriron todos os requisitos fixados.