A Xunta axudará a 18 concellos coruñeses con máis de 105.000 euros para redactar os seus plans de acción fronte ao cambio climático

luns, 6 Setembro, 2021 - 00:00

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de O Pino, Manuel Taboada, informaron da resolución da orde de axudas para redactar plans de acción fronte ao cambio climático. O representante do Goberno galego informou que un total de 18 concellos coruñeses recibirán algo máis de 105.000 euros en axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para redactar os seus propios Plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (Paces), unha ferramenta de carácter técnico co obxectivo de avanzar na loita contra o cambio climático e o quecemento global en clave local.

Este é o segundo ano que a Xunta lanza unha orde de axudas dirixida especificamente ás entidades locais adscritas ao Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía co fin de axudalas na redacción dos seus respectivos Paces.

Concretamente, os municipios da provincia da Coruña que resultaron beneficiarios ao abeiro desta última convocatoria son Teo, Irixoa, Neda, A Coruña, Rianxo, Valdoviño, Ares, Boiro, Frades, Arzúa, Cariño, Cerceda, Mazaricos, Negreira, Ortigueira, Outes, Pontedeume e O Pino.

Así mesmo, no conxunto de Galicia concedéronse 70 subvencións a outros tantos concellos por un importe de 337.000 euros, atendéndose así o 100% das solicitudes recibidas. Estes municipios súmanse aos 176 que están a traballar actualmente na elaboración do seu propio plan de xeito que, a día de hoxe, pode dicirse que preto de 250 entidades locais galegas xa están comprometidas de forma activa na loita contra o cambio climático.

Un Paces consiste basicamente na elaboración dun inventario de referencia de emisións de gases de efecto invernadoiro e na avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático. Grazas a estas axudas da Xunta, os municipios poden afrontar o custo dos traballos de asistencia técnica necesarios para a súa elaboración.

Deste xeito, dáse cumprimento a un dos compromisos que asumen os concellos no momento da súa adhesión ao Pacto das alcaldías, integrando a loita fronte ao cambio climático como unha das variables que deben estar presentes na definición das políticas locais, tanto para reducir as emisións e mellorar a eficiencia enerxética, como para adaptarse ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o planeta.