A Xunta apoia a candidatura aos fondos europeos do proxecto de mobilidade sustentable Green Bay para a electrificación do transporte marítimo

xoves, 4 Febreiro, 2021 - 00:00

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron onte na presentación do proxecto Green Bay, onde sinalaron que esta iniciativa de mobilidade sustentable que interrelaciona tres sectores estratéxicos para Vigo e Galicia como son a automoción, o naval e o pesqueiro terá un impacto industrial moi significativo, constituíndose nunha mostra do compromiso de Galicia coa transición ecolóxica a partir da mobilidade sustentable.

O proxecto está impulsado pola Asociación Clúster Naval Galego (Aclunaga), e busca integrar a toda a cadea de valor tanto do sector da automoción como do naval, a través da colaboración público-privada, con centros tecnolóxicos como o da automoción (CTAG) ou Aimen, pasando por estaleiros, empresas tractoras e auxiliares e organismos públicos como a Autoridade Portuaria de Vigo e a Xunta, a través dos fondos europeos de reconstrución Next Generation. Tal e como subliñou Conde, Green Bay reflicte o espírito de colaboración que fai posible presentar a estes fondos unha candidatura sólida, solvente e con iniciativas transformadoras a gran escala.

Así, o proxecto, que mobilizará 40 millóns de euros, busca transformar o transporte marítimo na ría de Vigo a través da electrificación para reducir o impacto ambiental do tráfico de embarcacións. Segundo apuntou o vicepresidente económico, isto vai supoñer por un lado transferir tecnoloxías do sector da automoción aos sectores naval e marítimo, e por outro, desenvolver as infraestruturas portuarias que permitan a carga rápida das baterías instaladas a bordo das embarcacións. Así, poderanse acadar as cero emisións no transporte marítimo metropolitano da ría de Vigo, desenvolver embarcacións de propulsión híbrida, a súa industrialización e o desenvolvemento dun prototipo de ferri elétrico, e deseñar e construír infraestruturas portuarias para a carga de baterías.

A iniciativa, tal e como resaltou o vicepresidente económico, conxunga desenvolvemento industrial e sustentabilidade ambiental, e é unha mostra do compromiso de Galicia coa transición ecolóxica a partir da mobilidade sustentable, que implica que os sistemas de transporte responden ás actuais necesidades económicas, sociais e ambientais.

A conselleira do Mar, pola súa banda, destacou que Green Bay é un proxecto de futuro que pode xerar cambios moi positivos nas rías galegas coa consecución dunha frota máis eficiente en materia enerxética e máis respectuosa co medio ambiente grazas á incorporación da propulsión eléctrica ou híbrida en distintos tipos de embarcacións. Entre eles, algúns moi importantes no sector marítimo-pesqueiro galego como os buques de baixura ou os auxiliares de acuicultura do sector mexilloneiro e outros como os barcos de pasaxe os as embarcacións que traballan no interior dos portos.

Neste sentido, Rosa Quintana incidiu en que se trata dunha iniciativa baseada na innovación que achega novas liñas de traballo para a industria galega e que pretende descarbonizar as rías sen que a súa actividade económica perda peso. Por iso, salientou que calquera avance no eido ambiental é positivo e que se o sector marítimo-pesqueiro pode contribuír a acadalo, é dobremente positivo.

A titular de Mar tamén subliñou que o modelo que se pretende desenvolver na ría de Vigo é perfectamente exportable a outros países e que pode situar a Galicia á vangarda neste ámbito, como un referente internacional, o que permitirá xerar emprego e riqueza así como novas oportunidades para o sector pesqueiro galego. Por iso, agradeceu o labor dos impulsores deste proxecto, un exemplo da aposta pola innovación e a prol do desenvolvemento económico e ecolóxico de Galicia.

@GaliciaSostible