Baixo o lema O marrón, o contedor que devolve vida e no marco da Semana Europea da Prevención de Residuos —que se celebrará do 20 ao 28 de novembro—, a empresa pública Sogama levará a cabo unha campaña orientada a potenciar o uso do quinto contedor —o de cor marrón— nos tres concellos pioneiros na súa implantación (Carballo, Laracha e Cerceda), ademais de en Arteixo, e nos de Oroso e Santa Comba, interesados tamén en sumarse á iniciativa.
Nos seis municipios habilitarase un punto informativo, que estará atendido por educadores ambientais especializados en xestión sostible de residuos, a fin de abundar nas boas prácticas vinculadas á redución, á reutilización e á reciclaxe e, máis especificamente, na importancia de valorizar a materia orgánica a través da súa transformación en compost de calidade.
No caso de Carballo, Laracha, Cerceda e Arteixo —onde xa está implantado o quinto contedor—, os monitores centraranse en lembrar o que debe e non debe depositarse neste recipiente, e resolverán as dúbidas trasladadas polos cidadáns en relación á correcta xestión dos refugallos urbanos.
Pola súa banda, en Santa Comba e en Oroso a acción focalizarase sobre o labor do quinto contedor, que chegará ás rúas destes municipios no seu momento, así como nos beneficios que a recollida segregada dos residuos orgánicos reportará de cara ao cumprimento dos obxectivos de reciclaxe fixados pola UE para os próximos anos.
Os concellos, que son os que teñen as competencias en materia de residuos, están obrigados a implantar, antes do 31 de decembro de 2023, a recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón.
Con todo, a Xunta de Galicia e co fin de axudalos nesta tarefa, deseñou e está executando a través de Sogama unha rede de infraestruturas coa que se posibilitará que a meirande parte dos concellos adscritos a esta empresa pública, e que acollen a máis de 2.240.000 habitantes, teñan acceso á valorización da materia orgánica.
Deste xeito, a rede estará conformada por catro plantas de biorresiduos: a de Cerceda, na Coruña (xa en funcionamento), e as de Vilanova de Arousa (Pontevedra), Cervo (Lugo) e Verín (Ourense), que contarán co apoio de 13 plantas de transferencia que serán reformadas, adaptadas ou reconstruídas a fin de dotalas dunha tolva específica para o transvase da materia orgánica, que logo será trasladada á planta de compostaxe máis próxima para a súa conversión en compost de alta calidade.
Preténdese así que os municipios galegos dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.