A recollida de pilas no marco da campaña 'Pilabot' reactivarase a partir de hoxe en 55 centros escolares galegos

xoves, 15 Outubro, 2020 - 00:00

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reactiva hoxe a última fase do concurso de recollida de pilas en centros escolares no marco da campaña Pilabot, que este ano celebra a súa segunda edición coa participación de 150 centros educativos de primaria e secundaria.

O certame, organizado en colaboración cos Sistemas Colectivos de Responsabilidade Ampliada do Produtor de pilas e acumuladores autorizados en Galicia (Ecopilas, ERP e ECOLEC), suspendeuse de maneira temporal o pasado mes de marzo por mor da crise da Covid-19. Nese momento, algúns dos colexios inscritos atopábanse aínda en pleno período de recollida de pilas polo que non puideron completar a súa participación.

Por esta razón e coincidindo coa volta ás aulas dos estudantes de educación primaria e secundaria, a organización de Pilabot decidiu retomar as accións pendentes durante o mes de outubro para dar así por concluído o concurso. Desta forma, 55 colexios e institutos de distintos puntos de Galicia poderán retomar desde mañá a recollida de pilas entre o alumnado e completar así as seis semanas lectivas establecidas nas bases do concurso.

Concienciar e educar

Cómpre lembrar que a campaña Pilabot xurdiu no ano 2018 como unha iniciativa para promover a recollida selectiva de pilas, acumuladores e baterías usadas no eido escolar coa finalidade de concienciar á comunidade educativa e ás familias do alumnado sobre o impacto que teñen este tipo de residuos se non se xestionan de forma axeitada.

Para isto inclúe un concurso fotográfico (#EuSonPilabot, resolto o pasado mes de xuño), a realización de charlas divulgativas en 50 centros para concienciar ao alumnado sobre a importancia da correcta separación das pilas e o seu depósito en contedores específicos, así como a elaboración e entrega de material didáctico entre todos os centros participantes.

A actividade central da campaña, en todo caso, é o concurso escolar de reciclaxe, de forma que os 150 centros participantes compiten entre si para acadar as mellores cifras de recollida de pilas de toda a Comunidade. Os alumnos e colexios que consigan recuperar a maior cantidade de residuos durante o período establecido en cada caso serán os gañadores e os seus nomes daranse a coñecer no mes de novembro. En total, repartiranse 7.500 euros divididos en catro premios e dúas categorías, que deberán destinarse á compra de material escolar e deportivo ou a organizar actividades educativas.

Nesta segunda edición, o obxectivo da Xunta é igualar ou mesmo superar os bos resultados acadados o curso pasado, ao tempo que se afonda na concienciación dos nenos sobre a importancia da reciclaxe e a recollida selectiva deste tipo de residuos.

De feito, durante a edición 2018-2019 de Pilabot recolléronse entre todos os centros participantes preto de 44 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, unhas cifras espectaculares xa que representan case a quinta parte das 230,5 toneladas recuperadas no ano 2018 en toda a comunidade autónoma.

Mellora das cifras de reciclaxe de pilas

Cómpre lembrar que as pilas son un tipo de residuo que ten unha alta carga contaminante e ademais están presentes en toda clase de dispositivos. Por esta razón, desde a Consellería de Medio Ambiente considérase especialmente importante fomentar a súa correcta separación desde os colexios co fin de que a mensaxe chegue ás novas xeracións e contribúa a conciencialas sobre o impacto medioambiental que poden chegar a ter.

En todo caso, nos últimos anos tense detectado un incremento notable da concienciación da poboación galega con respecto ao tratamento das pilas, pero aínda queda camiño por andar. Segundo as cifras do ano 2019, as últimas dispoñibles, en Galicia recuperáronse 329 toneladas de pilas, o que supón un incremento do 67% na última década e do 52% respecto aos datos de hai tres anos. No caso das pilas de orixe doméstica, a tendencia é igualmente positiva, chegando en 2019 ás 300 toneladas recollidas.

RELACIÓN DE CENTROS NOS QUE SE REACTIVA ‘PILABOT’ EN OUTUBRO

 

NOME DO CENTRO

LOCALIDADE

C.E.I.P Plurilingüe Curros Enríquez

Celanova

C.E.I.P Saco e Arce

Toén

C.E.I.P. Serra Vincios

Gondomar

C.E.P. Campolongo

Pontevedra

Ceip A Sangriña

A Guarda

CEIP Altamar

Vigo

CEIP As Solanas Nicolás Gutiérrez Campo

A Guarda

CEIP Cabanas

Pontevedra

CEIP Carmen García Carrasco

Cenlle

CEIP Da Cruz

Nigrán

CEIP de Valeixe

A Cañiza

CEIP Escultor Acuña

Vigo

CEIP Manuel Rodríguez Sinde

A Guarda

CEIP Manuel Sueiro

Ourense

CEIP Marquesa do Pazo da Mercé

As Neves

CEIP Mestre Vide

Ourense

CEIP Nosa Señora de Xuvencos

Boborás

CEIP Plurilingüe da Carrasqueira

Vigo

CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán Canalejas

O Barco de Valdeorras

CEIP Plurilingüe Ría de Vigo

Vigo

CEIP Plurilingüe Souto-Donas

Gondomar

CEIP Randufe

Tui

CEIP Rosalia de Castro

Xinzo de Limia

CEIP Santo André de Xeve

Pontevedra

CEIP Seis do Nadal

Vigo

CEIP Vicente Risco

Vigo

CEIP Vicente Risco (Cualedro)

Cualedro

CEIP Virxe do Rocío

Vigo

CEIP. Plurilingüe Condesa de Fenosa

O Barco de Valdeorras

CEP Altamira

Salceda de Caselas

CEP Plurilingüe Igrexa Valadares

Vigo

Colexio Apóstol Santiago

Vigo

Colexio Plurilingüe Divina Pastora MM Franciscanas

Ourense

Colexio Plurilingüe Sagrado Corazón

Pontevedra

Colexio Andersen

Vigo

Colexio Plurilingüe Alborada

Vigo

Colexio Plurilingüe Padre Feijoo Zorelle

Ourense

Compañía de María

Vigo

CPR Breogán

Vigo

CPR Plurilingüe la Purísima

Ourense

CPR Plurilingüe María Inmaculada

Vigo

CPR Plurilingüe Nuestra Señora de la Esperanza

Vigo

CPR Pablo VI-Fátima

A Rúa

CRA Amencer

Ribadavia

Fundación Educativa Franciscanas Ana Mogas Colexio Divina Pastora

O Barco de Valdeorras

IES A Xunqueira II

Pontevedra

IES de Soutomaior

Soutomaior

IES Ferro Couselo

Ourense

IES Frei Martín Sarmiento

Pontevedra

IES Luís Seoane

Pontevedra

IES nº 1

O Carballiño

IES Plurilingüe Terra de Turonio

Gondomar

IES Ribeira do Louro

O Porriño

IES Xermán Ancochea Quevedo

A Pobra de Trives

Padre Míguez-Calasancias

Vigo