POWER UP, unha colección de boas prácticas contra a pobreza enerxética local

venres, 30 Xaneiro, 2026 - 00:00

O proxecto europeo POWER UP, recompila experiencias piloto en seis cidades que combinan eficiencia enerxética, renovables e xustiza social para apoiar fogares vulnerables

O pasado mes de novembro publicouse POWER UP, unha colección que recolle as conclusións dun estudo centrado en experiencias piloto fronte á pobreza enerxética a nivel local. O traballo analiza iniciativas desenvolvidas en seis cidades diferentes, que representan oportunidades de negocio en servizos de eficiencia enerxética e enerxías renovables, cun impacto directo en persoas en situación de vulnerabilidade enerxética.

A publicación pon o foco na exploración de marcos de colaboración entre os concellos e axentes locais, como cooperativas e entidades sociais. Estes actores permiten ampliar o alcance das políticas municipais e impulsar solucións que combinan o uso de enerxías renovables coa xustiza social, reforzando así a resposta local ante a pobreza enerxética.

As conclusións proceden dun proxecto desenvolvido no marco do programa europeo Horizon 2020, executado entre os anos 2021 e 2025. O documento está especialmente dirixido ao persoal municipal, e inclúe unha análise dos servizos implementados, do modelo de gobernanza aplicado e dos beneficios obtidos polos fogares vulnerables en cada unha das seis cidades participantes.

O material está dispoñible para a súa descarga pública e pretende servir como referencia práctica para concellos e entidades interesadas en aplicar ou adaptar este tipo de modelos nos seus territorios. As conclusións poden descargarse nesta ligazón.