Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía celebra unha xornada de presentación e seguimento en Sober

martes, 26 Novembro, 2019 - 16:00

Os concellos do entorno da Ribeira Sacra mostran o seu compromiso na loita contra o cambio climático. Sober, 26 de novembro de 2019. A Casa da Cultura do Concello de Sober albergou este martes 26 de novembro unha xornada de presentación e seguimento da Oficina Técnica do Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, organizada pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O motivo da celebración deste evento foi o de proporcionar ao persoal técnico e político dos concellos, información de interese sobre que é o Pacto dos Alcaldes, os obxectivos a acadar e os compromisos que asume cada concello coa súa adhesión. Tamén se presentaron os avances da Oficina Técnica de Pacto dos Alcaldes, instrumento financiado pola Xunta de Galicia e coordinado dende a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, para asesorar aos Concellos na súa adhesión e na elaboración do seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable- PACES.

A quenda de intervencións comezou coa benvida por parte do Alcalde do Concello de Sober, D. Luis Fernandez Guitián, aos preto de 40 representantes de diferentes concellos, moitos deles da zona da Ribeira Sacra, onde animou aos responsables municipais a adherirse ao proxecto.  A continuación, o Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, D. José Luis Balseiro, incidiu nas tarefas que está a desenvolver a Xunta de Galicia en materia de políticas medio ambientais.

Por outra banda, a Subdirectora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Dna. María Luz Macho Eiras, destacou o compromiso da Xunta de Galicia cos concellos galegos e explicou os distintos mecanismos a través dos que a Xunta de Galicia presta apoio e asesoramento a través da Oficina Técnica do Pacto. Compre lembrar que xa son 157 os concellos adheridos, a maioría deles dende que a Xunta de Galicia asumiu a coordinación do Pacto na comunidade galega. 

Por último, o Primeiro Tenente de Alcalde e Concelleiro de Medio Ambiente, Saúde e Promoción Industrial do Concello de Curtis, D. Antonio Ángel Fraga Sánchez, introduciu exemplos de como implicar á cidadanía nos compromisos do Pacto de Alcaldes e no desenvolvemento de políticas ambientais.

Coa xornada de Sober, sumada ás celebradas con anterioridade en Lalín, Laxe, Marín, Mondoñedo e Cambre, participaron un total de 200 representantes e técnicos municipais, que puideron resolver as súas dúbidas respecto aos compromisos que adquiren coa adhesión ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía .