Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía celebra unha Xornada no Concello de Laxe

mércores, 2 Outubro, 2019 - 12:00

Os Concellos da Costa da Morte unidos na Loita contra o Cambio Climático. Laxe, 2 de outubro de 2019. O salón de actos da Biblioteca Municipal do Concello de Laxe albergou este martes 1 de outubro unha xornada de presentación e seguimento da Oficina Técnica do Pacto dos para o Clima e a Enerxía da Xunta de Galicia, organizada a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O motivo da celebración deste evento foi o de proporcionar ao persoal técnico e político dos Concellos da Costa da Morte, información de interese sobre que é o Pacto dos Alcaldes, os obxectivos a acadar e os compromisos que asume cada concello coa súa adhesión. Tamén se presentaron os avances da Oficina Técnica de Pacto dos Alcaldes, instrumento financiado pola Xunta de Galicia e coordinado dende a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, para asesorar aos Concellos na súa adhesión e na elaboración do seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable- PACES.

A quenda de intervencións comezou coa benvida por parte do Alcalde do Concello de Laxe, José Luis Pérez Añón, aos preto de 30 representantes de diferentes concellos da Costa da Morte. A continuación, a Directora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, María Cruz Ferreira Costa presentou o proceso de elaboración da Estratexia Galega de Cambio Climático 2050 e, do mesmo xeito, incidiu na necesidade de aliñar as políticas municipais coa Axenda 2030 e fomentar a mellora diaria da xestión medioambiental, incluíndo a loita contra o cambio climático como fundamento dunha xestión local de excelencia. Ademais destacou o compromiso da Xunta de Galicia cos concellos galegos e explicou os distintos mecanismos a través dos que a Xunta de Galicia presta apoio e asesoramento a través da Oficina Técnica do Pacto.

Para rematar a xornada, e como apertura a un moi interesante debate, Adolfo Muíños Sánchez, Alcalde do Concello de Rianxo, realizou unha exposición baseada na súa experiencia dende a xestión de políticas públicas municipais, incidindo na importancia de utilizar ferramentas de planificación estratéxica, como é o caso do PACES. Neste sentido, subliñou que o Concello de Rianxo está a fundamentar o seu PACES no cambio de luminarias a curto prazo, ademais doutras iniciativas orientadas á redución de emisións mediante actuacións no ámbito da mobilidade sostible. Tamén remarcou a interesante labor que prestan organismos como a FAEPAC (Fundación Axencia Enerxética provincial de A Coruña).

As vindeiras Xornadas de Presentación e Seguimento do proxecto Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía terán lugar en Marín (22 de outubro), Sober (5 de novembro), Mondoñedo (12 de novembro) e Cambre (19 de novembro). Pódese atopar máis información en https://pactodosalcaldes.gal así como realizar un seguimento en Redes Sociais a través de @GaliciaSostible.

Marín

22 de outubro ás 11:00h

Museo Municipal Manuel Torres (Avenida Ourense)

Sober

5 de novembro ás 11:00h

Centro da Cultura (Praza do Concello)

Mondoñedo

12 de novembro ás 11:00h

Centro Comarcal Pazo Santo Tomé (R/ Xulia Pardo, 13) (MODIFICADA)

Cambre

19 de novembro ás 11:00h

Villa Concepción (Praza Vila Concepción, 1) (NOVA XORNADA)