O Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, o maior movemento mundial contra o cambio climático, superou o pasado luns a cifra de 10.000 concellos comprometidos cos obxectivos de redución de emisións e adaptación ao cambio climático en Europa. Xuntos representan máis de 317 millóns de habitantes.
Galicia achega a este proxecto 178 autoridades locais, que representan 1.619.515 habitantes, o 60% da poboación galega, e abranguen 15.773 km2, o 53,5% da extensión territorial da Comunidade Autónoma.
Esta extensión á meirande parte do territorio galego dos compromisos mitigación de emisións de GEI e adaptación ao cambio climático coincide coa coordinación do Pacto por parte da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, que puxo a disposición dos concellos a Oficina Técnica do Pacto dos Alcaldes.
Este equipo técnico-administrativo presta apoio no proceso de adhesión, no establecemento da situación de partida dos municipios fronte aos retos do cambio climático e na elaboración do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES), que é a base para acadar os obxectivos comprometidos para o ano 2030.
E ti, súmaste á iniciativa?
Síguenos en @GaliciaSostible