No contexto do plan REPower EU (Acción Conxunta por unha enerxía máis alcanzable, segura e sostible), o Pacto das Alcaldías publicou unha carta dirixida a Frans Timmermans, vicepresidente primeiro da Comisión Europea e líder do Pacto Verde Europeo, na que se enumera unha serie de propostas clave de reforma da UE, que comparten abertamente a través de diferentes medios.
No correspondente documento sinálanse tanto accións que se consideran prioritarias como accións a medio prazo.
En canto a accións a curto prazo, o Pacto das Alcaldías reclama:
- Apoio facilitando a posta en común de experiencias de boas prácticas.
- Dotación financeira e de comunicación ás cidades para reducir as necesidades enerxéticas.
- Apoio nos debates sobre como repensar a forma de consumir enerxía.
- Que se redirixan fondos de recuperación da UE non utilizados para apoiar a planificación local da seguridade enerxética.
- Utilizar o Instrumento de Apoio Técnico vinculado ao Mecanismo de Recuperación para esta cuestión de emerxencia que afecta a todos os niveis de goberno en cada país da UE, mentres se financia a transición a longo prazo cara á neutralidade climática.
En relación ás accións a medio prazo, ínstase a revisar o Regulamento sobre a gobernanza da Unión Europa; a incluír un piar de cohesión no Estado da Unión Enerxética; a desenvolver un “Plan de Atracción” para dinamizar a contratación de persoal municipal; a propoñer aos Estados membros unha guía dos programas de estruturación: a cambiar o Pacto Europeo de Estabilidade e Crecemento e a cambiar o enfoque do investimento social.
Por último, ínstase á Comisión Europea a:
- Reorientar o Fondo Social do Clima como fondo para a transición local.
- Avaliar o impacto dos programas de financiamento da UE no ámbito social e territorial
- Implicar ás políticas culturais e educativas nos programas de alfabetización enerxética e climática
O próximo 18 de maio a Xunta do Pacto das Alcaldías reunirase cos responsables do Plan para debater estas cuestións.