Novas visitas de asesoramento presencial aos Concellos adheridos ao Pacto dos Alcaldes

mércores, 4 Marzo, 2020 - 09:15

A Oficina Técnica de Pacto dos Alcaldes achégase ata Vilamartín de Valdeorras, San Xoán de Río, Mesía e Rodeiro. A Xunta de Galicia ofrece asesoramento individualizado aos Concellos galegos adheridos ao Pacto dos Alcaldes para a elaboración do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible – PACES.

Durante os últimos días, membros da Oficina Técnica de Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, instrumento co financiado con fondos FEDER e coordinado pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, desprazáronse  aos Concellos de Vilamartín de Valdeorras, San Xoán de Río, Mesía e Rodeiro, co obxectivo de manter reunións presenciais con políticos e técnicos municipais.

Os municipios adheridos teñen ata dous anos para elaborar o PACES, que está articulado sobre un inventario de emisións de referencia (IER), e inclúe estratexias de mitigación e de adaptación ao cambio climático.

Ademais, a Xunta de Galicia pon a disposición dos concellos adheridos ao Pacto dun Observatorio de Fondos e Convocatorias, no que se identifican diferentes axudas e instrumentos de financiación dispoñibles para accións e proxectos relacionados co Cambio Climático.

E ti, súmaste á iniciativa?

@GaliciaSostible #Compromiso