Mondoñedo alberga unha Xornada de Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía

martes, 12 Novembro, 2019 - 22:45

Os Concellos da Mariña Lucense mostran o seu compromiso por unha @GaliciaSostible. Mondoñedo, 12 de novembro de 2019. O Pazo de San Tomé de Mondoñedo albergou este martes 12 de novembro unha xornada de presentación e seguimento da Oficina Técnica do Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, organizada pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O motivo da celebración deste evento foi o de proporcionar ao persoal técnico e político dos concellos, información de interese sobre que é o Pacto dos Alcaldes, os obxectivos a acadar e os compromisos que asume cada concello coa súa adhesión. Tamén se presentaron os avances da Oficina Técnica de Pacto dos Alcaldes, instrumento financiado pola Xunta de Galicia e coordinado dende a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, para asesorar aos Concellos na súa adhesión e na elaboración do seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable- PACES.

A quenda de intervencións comezou coa benvida por parte da Alcaldesa do Concello de Mondoñedo, Dna. Elena Candia López, aos preto de 40 representantes de diferentes concellos, moitos deles da zona da Mariña Lucense. A continuación, a Directora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Dna. María Cruz Ferreira Costa presentou o proceso de elaboración da Estratexia Galega de Cambio Climático 2050 e, do mesmo xeito, incidiu na necesidade de aliñar as políticas municipais coa Axenda 2030. Ademais destacou o compromiso da Xunta de Galicia cos concellos galegos e explicou os distintos mecanismos a través dos que a Xunta de Galicia presta apoio e asesoramento a través da Oficina Técnica do Pacto.

Por último, o Primeiro Tenente de Alcalde e Concelleiro de Medio Ambiente, Saúde e Promoción Industrial do Concello de Curtis, D. Antonio Ángel Fraga Sánchez, introduciu exemplos de como implicar á cidadanía nos compromisos do Pacto de Alcaldes.

As vindeiras Xornadas de Presentación e Seguimento do proxecto Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía terán lugar en Cambre (19 de novembro) e Sober (26 de novembro). Pódese atopar máis información en https://pactodosalcaldes.gal.