LEI 1/2026, DE 5 DE FEBREIRO, DO CLIMA DE GALICIA

xoves, 19 Febreiro, 2026 - 00:00

Marco normativo para a acción climática e a descarbonización en Galicia

 

O día 5 de febreiro foi publicada a Lei 1/2026, do clima de Galicia. Esta norma establece o marco xurídico para a acción climática na comunidade, e vai dirixida tanto á Administración pública galega como a persoas físicas e xurídicas que desenvolvan actividades en Galicia, establecendo obrigacións, instrumentos de planificación e mecanismos de seguimento que orientan á comunidade cara a un modelo máis sostible e responsable.

A lei nace como resposta á emerxencia climática e á necesidade de aliñar Galicia cos compromisos internacionais, europeos e estatais en materia de descarbonización. A súa razón de ser é dotar á comunidade dunha ferramenta normativa propia que permita planificar, coordinar e reforzar as políticas públicas fronte ao cambio climático, integrando a acción climática en todos os ámbitos da administración e a actividade económica.

O seu obxectivo principal é reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, impulsar a transición enerxética cara a modelos máis sostibles, fomentar a adaptación e resiliencia ante os impactos climáticos e promover unha gobernanza climática baseada na planificación, a avaliación e a participación.

Neste marco, reforza a integración transversal da acción climática na planificación e na toma de decisións públicas, incorporando a variable climática na administración autonómica, especialmente naquelas áreas máis vencelladas á mitigación e a adaptación ao cambio climático. Neste eido, prevense documentos técnicos de referencia que permitan esta integración esta perspectiva na avaliación ambiental de proxectos, plans e programas, na contratación pública e nos propios orzamentos da Xunta de Galicia e os seus organismos dependentes.

Así mesmo, prevé iniciativas como a creación dunha Rede de Refuxios Climáticos, en colaboración coas entidades locais, o Foro de Acción Climática de Galicia, órgano asesor en políticas climáticas, ou o Portal de Acción Climática, ferramenta de información climática e transparencia das políticas climáticas e os seus resultados.

Un elemento fundamentan nesta integración é a Oficina de Cambio Climático de Galicia, dentro da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que realizará o seguimento da Estratexia Galega de Cambio Climático, xestionará o réxime voluntario de comercio de emisións e apoiará a integración da perspectiva climática nas áreas máis estratéxicas da administración autonómica.

No que atinxe á administración municipal, esta integración instrumentarase a través da Rede Local polo Clima, iniciativa de cooperación e coordinación mediante a cal se articula a incorporación efectiva da variable climática no ámbito local, integrada  por aqueles concellos con Plans de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible, A través desta rede, canalízanse as ferramentas metodolóxicas, o acompañamento técnico e a coordinación interadministrativa necesarios para que os instrumentos sometidos a avaliación ambiental estratéxica inclúan unha análise específica da súa contribución á mitigación e adaptación ao cambio climático. Os concellos de máis de 20.000 habitantes están obrigados a contar con este instrumento de planificación.

A Lei, ademais, prevé esforzos na sensibilización a través das políticas culturais, a análise da percepción do Cambio Climático entre a poboación, e a integración desta perspectiva na formación universitaria e non universitaria, nos programas de I+D e o reforzo no coñecemento dos seus impactos sectoriais e na xestión do patrimonio natural.

Por último, a Lei establece as funcións, obxectivos e fins das redes de observación climatolóxica e meteorolóxica, e de calidade do aire, e os seus servizos asociados.