A Xunta de Galicia publicou o pasado 14 de Maio 2020 no Diario Oficial de Galicia a ORDE do 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais asinantes do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía Sostible cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2020 (código de procedemento MT210A). Polo tanto, hoxe é o último día para solicitar as axudas.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, é a coordinadora do Pacto das Alcaldías da Unión Europea para o Clima e a Enerxía en Galicia, quen ven traballando cos Concellos galegos promovendo e apoiando a súa adhesión e a consecución dos seus compromisos. Para facilitar esta labor, a Xunta de Galicia creou, a Oficina Técnica do Pacto das Alcaldías en Galicia, instrumento cofinanciado con Fondos Europeos FEDER.
Coa convocatoria das axudas, a Xunta de Galicia apoia fortemente ás entidades locais no cumprimento dos seus compromisos de adhesión, e concretamente na realización do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), plan que os municipios adheridos ao Pacto comprométense a redactar nun prazo máximo de dous anos dende a data de adhesión. Deste xeito, os concellos integran a loita contra o cambio climático como unha das variables que deben ter presente nas súas políticas, tanto desde o punto de vista de redución de gases de efecto invernadoiro como da necesaria adaptación ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o noso planeta.
Estas axudas están destinadas ás entidades locais municipais, supramunicipais e agrupacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, que estean adheridos formalmente ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía e que non dispoñan do PACES nin redactado nin aprobado.
A Xunta de Galicia apoia, asesora e axuda aos concellos adheridos ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía no seu compromiso de reducir as emisións de CO2 no seu territorio para o ano 2030 en, polo menos, o 40% a través de medidas de eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovable, así como na implantación de medidas de adaptación ao cambio climático e aumento da resiliencia fronte a este nos seus territorios.
Axudas
O enlace ás bases reguladoras das Axudas é o seguinte: www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200514/AnuncioG0532-050520-0006_gl.html
@GaliciaSostible #Compromiso