A Xunta reivindica a necesidade de lograr unha participación maior e máis coordinada por parte das comunidades autónomas naquelas cuestións da súa competencia que resultan determinantes para avanzar nos obxectivos climáticos da UE, ao tempo que reclamou dotacións orzamentarias suficientes e axeitadas ás medidas que haberá que desenvolver.
Precisamente un dos grandes puntos a tratar na reunión de outubro será o Obxectivo 55, un novo paquete de medidas publicado pola Comisión Europea o pasado 14 de xullo e que inclúe unha serie de propostas lexislativas en materia de clima, enerxía e transporte co fin de traducir en accións o obxectivo asumido por Europa de reducir as emisións nun 55% de aquí a 2030 e lograr emisións netas 0 no horizonte do ano 2050.
Neste contexto e dado o carácter preparatorio do Consello Consultivo de hoxe, a conselleira subliñou a preocupación da Xunta ante algunhas das medidas esperadas, sobre todo aquelas relacionadas co transporte marítimo, aéreo e por estradas ou as que afectarán e obrigarán a adaptar fogares e edificios.
Así, tras lembrar que moitas das propostas comunitarias entran plenamente no eido competencial autonómico, considerou imprescindible que a intervención da ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, ante os seus homólogos europeos inclúa os puntos clave da posición común das comunidades, sobre todo tendo en conta, lamentou, que non terán a oportunidade de intervir e expoñer a súa postura durante o Consello de Ministros da UE.
Neste sentido, insistiu na importancia de que “entre todos” se traballe de forma coordinada para acadar os obxectivos climáticos propostos. E para iso, subliñou que as comunidades deben participar máis na toma de decisións e contar con instrumentos financeiros axeitados que lles permitan levar a cabo as medidas necesarias para acadar as metas a nivel climático fixadas por Europa.
A este respecto, Ángeles Vázquez incidiu na transcendencia do paquete do Obxectivo 55, que supón “por primeira vez” que a lexislación europea vaia por diante da propia tecnoloxía, no sentido de que se está tentando sacar regulamentos e propostas lexislativas en materia climática en liña coas ambicións comunitarias para 2030 e 2050.
Por iso, insistiu na necesidade de afrontar a tramitación destas medidas con “transparencia e confianza” para lograr o apoio da cidadanía e o seu compromiso activo ante un problema común que require de propostas realistas, viables e adaptadas ás necesidades de cada rexión.