Galicia avanza no desenvolvemento dos 17 obxectivos da axenda 2030 para manterse á vangarda da sostibilidade

venres, 2 Xullo, 2021 - 00:00

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Perez Castellanos, defendeu onte o traballo do conxunto da sociedade de Galicia para seguir avanzado na consecución dos 17 Obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) que fixa a Axenda 2030 para manterse á vangarda da sostibilidade e na loita contra o cambio climático.

A directora xeral participou na xornada Galicia 2030: reinventar a industria, organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia, na que recordou que a comunidade xa conta co primeiro informe sobre a implantación da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable. Trátase dunha diagnose cuantitativa da Axenda 2030 en Galicia. O informe arroxa datos positivos en materia social, ambiental, industrial e enerxética; unha diagnose que permite concluír que a rexión está á vangarda das comunidades que acadan os compromisos fixados pola Organización das Nacións Unidas (ONU), nesta resposta urxente e coordinada para recuperarse mellor construíndo economías e sociedades máis igualitarias, inclusivas e sustentables.

A modo de exemplo, citou dous fitos recentes -que implican ao tecido empresarial- que marcarán a evolución da comunidade nos próximos anos, como a Estratexia de economía circular 2030, cunha dotación de 865 millóns e cuxo retorno se estima en máis de 6.000 millóns; e a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, que ten como meta alcanzar a neutralidade climática. Dúas medidas nas que a colaboración e compromiso das empresas será determinante para seguir construíndo unha Galicia máis sustentable, máis innovadora e máis verde e que, xunto coas conclusión do informe, serán unha base sobre a que apoiarse.

A directora explicou que o bo camiño polo que se avanza é tamén unha mostra da implicación e da concienciación social, dous factores imprescindibles para acadar as metas fixadas e, sobre todo, nun proxecto deste tipo que está marcado polo seu carácter transversal. Indicou que os beneficios son dobremente positivos, pois se afianza aínda máis a posición de Galicia como parte da solución aos problemas globais; ao tempo que é a ferramenta de base para definir as accións de desenvolvemento sustentable na vindeira década.

A Axenda 2030, aprobada en 2015 pola ONU, é un plan de acción en favor das persoas, o planeta e a prosperidade, que quere fortalecer a paz universal e que fixa os obxectivos que se deben alcanzar, antes do ano 2030, para poñer fin á pobreza, loitar contra a desigualdade e facer fronte ao cambio climático. Nesta axenda concrétanse 17 obxectivos e 169 metas, cuxo cumprimento se valida a través dos 239 indicadores, que ten marcado a ONU.