A Comisión propón a introdución gradual de estándares de emisións de CO2 máis ambiciosos para os vehículos pesados novos

xoves, 16 Febreiro, 2023 - 00:00

 

A Comisión Europea propuxo novos e ambiciosos obxectivos de emisións de CO2 para os vehículos pesados novos a partir de 2030. Estes obxectivos axudarán a reducir as emisións de CO2 no sector do transporte: os camións, os autobuses urbanos e os autobuses de longa distancia son responsables de máis do 6 % das emisións totais de gases de efecto invernadoiro (GEI) da UE e de máis do 25% das emisións de GEI do transporte por estrada.

Para estimular un despregamento máis rápido de autobuses de cero emisións nas cidades, a Comisión tamén propón que todos os novos autobuses urbanos sexan de cero emisións a partir de 2030. En consonancia cos obxectivos do Pacto Verde Europeo e REPowerEU, esta proposta tamén terá un impacto positivo na transición enerxética, ao reducir a demanda de combustibles fósiles importados e mellorar o aforro de enerxía e a eficiencia no sector do transporte da UE. Ademais, este é un sector chave para apoiar á industria europea de tecnoloxías limpas e impulsar a competitividade internacional.

Para apoiar esta proposta, os investimentos deben canalizarse cara vehículos de cero emisións e cara a infraestrutura de recarga e reposición. A Comisión xa propuxo o Regulamento sobre a infraestructura para os combustibles alternativos para desenvolver a infraestrutura de recarga necesaria que apoiará a transición ecolóxica do sector dos vehículos pesados.