Ángeles Vázquez anima a apostar este Nadal polas plantas autóctonas de produción local como elemento decorativo

venres, 27 Novembro, 2020 - 00:00

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou hoxe aos galegos a apostar este Nadal polo consumo responsable de plantas autóctonas como elemento decorativo nos seus fogares, unha medida que contribúe a dinamizar o mercado local das plantacións ornamentais e á vez, pon en valor especies propias de Galicia, como é o caso dos acivros.

No transcurso dunha visita ao viveiro de Romai, no concello pontevedrés da Estrada, Vázquez Mejuto subliñou as múltiples posibilidades que ofrecen os acivros como elemento decorativo, especialmente nesta época do ano, cando locen xa os seus característicos froitos vermellos.

Trátase, como lembrou a conselleira, dunha especie autóctona cun alto valor ecolóxico, que sempre tivo unha relevancia importante nos bosques galegos como parte do noso patrimonio natural –destacando especialmente os bosques de acivro da Serra dos Ancares (Lugo) e no Invernadeiro (Ourense)-, pero que tamén está moi presente en xardíns particulares de moitas zonas de Galicia polo seu evidente valor ornamental.

Máis de 200.000 exemplares

A instalación estradense, pertencente ao grupo Ulla Plant, é unha das poucas en Galicia que se dedican en exclusiva á plantación de acivros, cunha produción de máis de 200.000 exemplares. O Nadal, como lles explicou o responsable do viveiro á conselleira e ao alcalde da Estrada, José López, é a época do ano na que se concentran as maiores ventas, precisamente polos usos e aplicacións que ten este arbusto dentro e fóra dos fogares como elemento natural de decoración.

Neste sentido, a responsable galega de Medio Ambiente aproveitou a ocasión para lembrar que desde hai décadas o acivro xa non é unha especie ameazada en Galicia e, de feito, na actualidade resulta fácil atopalo tanto de forma silvestre, estando recoñecido como hábitat de importancia comunitaria de Galicia, como cultivado en viveiros e xardíns.

En todo caso, Ángeles Vázquez incidiu na importancia de que, unha vez pasadas as datas festivas do Nadal, se fomente e garanta a supervivencia daqueles exemplares de acivro que sexa factible volver a replantar, para contribuír deste xeito á súa conservación e fomentar entre os cidadáns prácticas de consumo sostibles.

De feito, ofreceu a colaboración do seu departamento a viveiros e centros de xardinería para lograr este obxectivo, ao tempo que avogou por buscar as necesarias sinerxías entre produtores e Administracións públicas para difundir a importancia comercial desta e doutras plantas ornamentais autóctonas, impulsando a innovación e as técnicas de cultivo máis ecolóxicas e sostibles como factores diferenciais do produto galego.