Alcaldes de toda Europa reúnense para demostrar que o liderado local é chave na transición climática

venres, 24 Outubro, 2025 - 00:00

A cerimonia do Pacto das Alcaldías Europa reúne por centos de dirixentes municipais e rexionais e reforza a alianza entre a Unión Europea e os gobernos locais na senda cara á neutralidade climática

O pasado 16 de outubro celebrouse en Bruxelas a xornada na que se puxo en valor o papel esencial que teñen as cidades e os municipios na consecución dos obxectivos climáticos europeos.

Durante a cerimonia, celebrada no Parlamento Europeo, congregáronse centos de alcaldes, concelleiros e dirixentes rexionais procedentes de toda Europa para reafirmar o seu compromiso cunha Europa resiliente, climáticamente neutra e xusta.

A apertura correu a cargo de Roberta Metsola, presidenta do Parlamento Europeo; Úrsula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea; e Kata Tütó, presidente do Comité Europeo das Rexións. Nas súas respectivas intervencións recalcaron que a sustentabilidade non é só unha cuestión de reducir emisións ou adaptarse ao cambio climático, senón de crear lugares agradables para vivir, hoxe e no futuro.

O evento contou coa entrega dos Premios do Pacto das Alcaldías 2025, que recoñeceron o labor de tres cidades – Domokos (Grecia), Lappeenranta (Finlandia) e Mechelen (Bélxica) – polos seus progresos na descarbonización da climatización urbana.

Un punto chave foi a resiliencia urbana fronte a ondas de calor, inundacións e incendios forestais: os participantes aceptaron que os gobernos locais teñen o mellor coñecemento dos riscos no seu territorio e, por tanto, unha función decisiva na transformación.

Destacouse así mesmo a necesidade dunha gobernanza multinivel sólida – local, rexional, nacional e europea – así como de financiamento continuo, persoal capacitado e un marco de acción a longo prazo para que o que hoxe se planifica se materialice mañá.