A Xunta súmase á quinta campaña '1M2 contra a basuraleza', con 63 accións de limpeza en Galicia

venres, 11 Xuño, 2021 - 00:00

A gran recollida colaborativa anual de residuos, impulsada por SEO/BirdLife e Ecoembes, celebrarase mañá en todo o Estado co obxectivo de concienciar á sociedade ante o grave problema ambiental que supón a acumulación de lixo na natureza.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda chama á cidadanía a participar nalgunha das accións organizadas na Comunidade por entidades públicas, empresas, oenegués e colectivos sociais e coas que se aspira a mobilizar a máis de 600 persoas.

Galicia acollerá mañá máis de 60 batidas de limpeza e caracterización de residuos en espazos naturais no marco da iniciativa 1m2 contra a basuraleza, unha das accións máis coñecidas do programa Libera, creado por SEO/BirdLife e Ecoembes para loitar contra a presenza de lixo na natureza e sensibilizar á cidadanía sobre este problema medioambiental.

Nesta quinta edición de 1m2 son máis de mil as actuacións colaborativas programadas por todo o país. No caso de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda volverá actuar como embaixadora da campaña, que tras un ano de parón por mor da covid, aspira a mobilizar a máis de 600 voluntarios en distintos puntos da Comunidade co obxectivo común de liberar de “basuraleza” espazos e contornas naturais de gran valor.

Nos últimos anos, o abandono e a acumulación de lixo nas contornas naturais tense convertido nun problema xeneralizado, que ten un impacto negativo para a conservación do medio ambiente e, en consecuencia, do planeta.

En resposta a esta situación xorde o proxecto Libera, que a través da ciencia cidadá e das sucesivas convocatorias de 1m2 propón cada ano recoller e caracterizar os residuos de diferentes espazos naturais co fin de estudar o seu impacto no medio e xerar, á vez, un cambio nas condutas da cidadanía.

Ademais, este ano os participantes poderán facer o inventariado dos residuos recollidos dunha forma lúdica e sinxela grazas á nova App Basuraleza, desenvolvida polas asociacións Paisaxe Limpo e Vertidos Cero en colaboración con Libera.