A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou esta mañá o labor fundamental realizado por MeteoGalicia desde a súa posta en marcha no ano 2000 ata converterse en todo un referente climatolóxico e científico, tanto a nivel autonómico como nacional.
Durante unha visita co gallo do Día meteorolóxico mundial á plataforma oceanográfica instalada ao carón da illa de Cortegada, a única destas características que existe en Galicia, Vázquez Mejuto lembrou que a día de hoxe só hai tres comunidades que contan cun servizo de información meteorolóxica propio –Galicia, Cataluña e País Vasco-, unha aposta realizada pola Xunta hai xa 20 anos e que hoxe segue a ter o seu mellor aval nun gran equipo de profesionais e nas infraestruturas máis punteiras.
Neste sentido, lembrou que a rede de observación meteorolóxica galega en terra dispón na actualidade de 157 estacións de rexistro e un total de 1.104 sensores repartidos por todo o territorio, grazas aos cales MeteoGalicia pode obter todo tipo de parámetros, medidos cada 10 minutos e accesibles para o conxunto da cidadanía a través da súa páxina web.
Así mesmo e tras subliñar que o Día meteorolóxico mundial que se celebra mañá ten este ano como lema O océano, o noso clima e o tempo, a conselleira referiuse tamén ao importante papel que ten a plataforma de Cortegada, unha instalación que visitou hoxe xunto a varios altos cargos da Consellería do Mar; a directora xeral da Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez; e técnicos de MeteoGalicia.
Ao respecto, subliñou que se trata dunha infraestrutura única, instalada no ano 2007, que permite instalar sistemas de medida de variables tanto meteorolóxicas como oceánicas, neste último caso, a diferentes profundidades. Ademais, lembrou que a plataforma se integra na rede oceanográfica da Xunta, integrada tamén por cinco boias localizadas en Muros, Ribeira, A Guarda, Rande (Vigo) e Illas Cíes.
Unha década de colaboración en materia oceanográfica
A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, salientou pola súa banda a transcendencia de contar cunha ferramenta útil de observación da dinámica meteorolóxica costeira como é o Observatorio Costeiro galego, unha ampla rede de estacións de observación na que colaboran desde hai un decenio a Consellería do Mar -a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar)- e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través de MeteoGalicia.
Silvia Cortiñas subliñou tamén o compromiso da Xunta coa protección e a conservación dos mares para que Galicia e o seu sector marítimo-pesqueiro sexan referentes na loita contra o cambio climático e incidiu en que a Consellería do Mar, a través do Cetmar, xa desenvolveu proxectos como o Climathon ou o Climefish coa finalidade de avaliar este fenómeno.
Ademais lembrou que a Comisión Europea traballa nunha estratexia conxunta de adaptación ao cambio climático na que se inclúen tanto a pesca como a acuicultura, na liña tamén marcada en clave autonómica pola Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, aprobada pola Xunta a finais do ano 2019.
A este respecto, Ángeles Vázquez tamén incidiu na importancia de conmemorar o Día meteorolóxico mundial para, por unha banda, crear conciencia sobre o papel clave que a meteoroloxía e a hidroloxía teñen para garantir o equilibrio medioambiental entre a acción humana e a conservación do planeta e, por outra, contribuír á busca dunha solución global ao problema do cambio climático.
Neste sentido, salientou o acerto de dedicar este ano a efeméride aos océanos, que cobren o 70% da superficie terrestre e exercen un papel fundamental como subministradores de recursos e servizos básicos, pero tamén pola súa influencia na meteoroloxía e como factor regulador do clima e, por tanto, clave na estratexia fronte ao cambio climático.
@GaliciaSostible