A Xunta ratifica o seu compromiso cunha Galicia Verde no Día Mundial da Eficiencia Enerxética

luns, 8 Marzo, 2021 - 00:00

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, Paula Uría, visitou o pasado venres as instalacións de fotovoltaica do complexo administrativo de San Lázaro con motivo da conmemoración do Día Mundial da Eficiencia Enerxética.

As instalacións, inauguradas a mediados de 2019, permiten unha redución anual do consumo eléctrico dos edificios administrativos do 15%, un aforro económico de 50.000 euros ao ano e evitar a emisión a atmosfera de 115 toneladas de CO2 ao ano, grazas á implantación dunha instalación fotovoltaica de 350kW. A actuación completouse coa renovación da iluminación exterior con tecnoloxía led e cinco puntos de recarga para vehículos eléctricos.

A directora puxo esta iniciativa como exemplo do compromiso da Xunta co impulso dunha Galicia cada vez máis verde que camiña con paso firme cara a neutralidade climática para o ano 2050 apostando pola economía circular, a electrificación da economía, o impulso das enerxías renovables e unha maior implicación no aforro e eficiencia enerxética en todos os sectores.

Lembrou que, para conseguilo, o orzamento do Inega medrou un 33% este ano para seguir axudando a fomentar o uso das renovables e a cultura do aforro enerxético tanto nos fogares, como nas empresas, administracións e entidades. Neste sentido, salientou a boa acollida que as ordes de axuda para particulares está tendo este ano. De feito, para as axudas ao autoconsumo nos fogares a través da enerxía fotovoltaica e para enerxías renovables para particulares o crédito dispoñible de 5,1M€ cubriuse en apenas unhas horas.

No eido das empresas dos sectores da industria e dos servizos, continúa aberta a orde de axudas de aforro e eficiencia enerxética. Destinaranse 10millóns de euros co obxectivo de mobilizar máis de 42M€, propiciar un aforro enerxético equivalente a nove millóns de litros de gasóleo ao ano, así como un aforro económico de 7millóns anuais nas facturas enerxéticas e a creación de 340 empregos.

@GaliciaSostible