A Xunta presenta a primeira diagnose sobre o cumprimento en Galicia dos obxectivos de desenvolvemento sostible da ONU

luns, 16 Novembro, 2020 - 00:00

A Xunta de Galicia presentou esta mañá o primeiro informe de diagnose sobre a aplicación na comunidade dos obxectivos de desenvolvemento sostibles (ODS) impulsados pola ONU no ano 2015 co fin de avanzar cara a un mundo máis xusto e sustentable a través do impulso de iniciativas, políticas e programas específicos desde diferentes ámbitos.

Os resultados da análise foron abordados esta mañá durante a reunión da Comisión Interdepartamental para o seguimento en Galicia da chamada Axenda 2030, un órgano presidido pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e integrado por máis de 30 representantes de todos os departamentos da Xunta.

Grazas á diagnose realizada, a responsable autonómica subliñou que Galicia pode coñecer non só o estado actual da comunidade con respecto ás metas fixadas polas Nacións Unidas a través da Axenda 2030 e os seus 17 ODS, senón tamén identificar oportunidades de mellora de cara ao futuro.

Neste sentido, Ángeles Vázquez anunciou que a vindeira semana o Instituto Galego de Estatística (IGE) difundirá por primeira vez os indicadores da Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable en Galicia, unha nova ferramenta de análise que permitirá iniciar a serie histórica sobre o cumprimento na comunidade da folla de ruta marcada polas Nacións Unidas nesta materia.

O informe presentado esta mañá constitúe “a base” sobre a que seguir “construíndo unha Galicia máis sustentable, máis innovadora e máis verde”, segundo explicou a conselleira, quen detallou que para obter esta diagnose estudáronse os avances acadados na comunidade para 77 das 169 metas comúns propostas pola ONU e abrangue os 17 ODS identificados.

Entre as principais conclusións obtidas neste estudo diagnóstico pode citarse a nivel ambiental e de calidade da auga que Galicia aumentou o volume de augas residuais depuradas por habitante e día en máis dun 50%. Tamén destaca en enerxías renovables, un indicador moi ligado ás accións promovidas pola Xunta como coordinadora en Galicia do Pacto das Alcaldías e no que se seguirá avanzando grazas á aprobación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 a finais do ano pasado.

O papel do turismo sustentable e a súa evolución tamén ocupan un papel destacado na análise feita pola comisión interdepartamental, como motor que impulsa e promove a preservación do patrimonio natural e cultural galegos, á vez que potencia o emprego e a economía. Relacionado con isto, no ODS número 15, Vida de Ecosistemas Terrestres, Galicia deu pasos importantes de cara á conservación de todos os valores e elementos naturais que a conforman, como foron a aprobación da Lei de Patrimonio Natural, a posta en marcha da Rede Galega de Parques Naturais e da Rede de Reservas da Biosfera ou a mellora do marco normativo autonómico de protección en materia de paisaxe.

En canto á Promoción de cidades e comunidades máis sustentables, o ODS número 11, houbo avances significativos, como o impulso á chamada Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia ou o Plan de Transporte Público de 2018 así como outras accións interdepartamentais para achegar ás nosas urbes ao modelo da Axenda 2030.

Así mesmo, con relación aos obxectivos 12 e 13 fixados pola ONU –que se corresponden coa Produción e o consumo responsables e a Acción polo clima- o informe salienta dous fitos recentes pero que marcarán a evolución da comunidade nos próximos anos con relación a ambos indicadores: a Estratexia de Economía Circular 2030, cunha dotación de 865 millóns e cuxo retorno se estima en máis de 6.000 millóns; e a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, que ten como meta alcanzar a neutralidade climática, coa que se busca o equilibrio entre as emisións e a capacidade de absorción natural do medio.

Constitución e finalidade da comisión interdepartamental

A Xunta de Galicia puxo en marcha o ano pasado a Comisión Interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030 en Galicia, un organismo de coordinación no que se integran todos os departamentos da Administración autonómica para poder responder ao carácter transversal que require a implantación dos obxectivos de desenvolvemento sostible.

Este organismo encárgase de coordinar e dirixir os esforzos do Goberno galego na materia, tomando coma referentes os 17 ODS da ONU, que abranguen aspectos tan dispares como o fin da pobreza e da fame, a igualdade de xénero, o acceso a auga e ao saneamento, a produción e consumo responsables ou a busca de cidades e rexións máis sustentables.

Entre as súas funcións concretas cómpre subliñar a de coñecer as iniciativas, plans e programas existentes nos distintos ámbitos que abranguen os obxectivos de desenvolvemento sustentable, facer un seguimento da súa execución, estudar a propoñer novas actuacións para avanzar nos indicadores, e instar a outros organismos, públicos e privados, para que impulsen as medidas necesarias co fin de achegar máis a Galicia ao cumprimento destes obxectivos. Este primeiro informe de seguimento, de feito, enmárcase no obxectivo da comisión de verificar os avances que se dan para cumprir as metas da ONU.