A Xunta organiza un Webinar dirixido ás empresas sobre a elaboración de Plans de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible – PACES de Pacto das Alcaldías

venres, 29 Maio, 2020 - 00:00

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, é a coordinadora do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía en Galicia e ven traballando cos concellos galegos promovendo e apoiando a súa adhesión e a consecución dos seus compromisos.

Para facilitar este labor, a Consellería crea a Oficina Técnica de Pacto das Alcaldías, instrumento cofinanciado con fondos FEDER.

Os municipios que se adhiren ao Pacto asumen os obxectivos adoptados pola Unión Europea para frear os efectos do cambio climático, comprometéndose a reducir, de aquí o 2030, un 40% as emisións de CO2, ao tempo que adoptan medidas de adaptación. Estes compromisos instrumentaranse a través da elaboración dun Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible – PACES por parte de cada Concello.

Co obxectivo de facilitar coñecementos prácticos sobre a elaboración do PACES, a Xunta de Galicia organiza un webinar dirixido a entidades que ofrecen servizos de elaboración de PACES aos concellos adheridos ao Pacto en Galicia. O webinar complementa o ciclo de formacións en liña organizado durante o último mes pola Oficina Técnica, no que están a participar máis de 70 representantes dos concellos adheridos.

Nesta xornada realizarase unha introdución sobre a iniciativa europea Pacto das Alcaldías e explicaranse as tarefas que está a realizar a Xunta de Galicia. A continuación visualizarase dun xeito práctico o marco de elaboración do PACES e os recursos existentes para a súa elaboración.

  • Data:  5 de xuño​
  • Hora:  11h​
  • Duración: 60 minutos

INSCRICIÓN realizarase online, a través da seguinte ligazón: https://forms.gle/edXZqxHxv1vqRqjYA, sendo a DATA LÍMITE o 4 de xuño ás 14h. As prazas son limitadas.

Poden contactar co persoal da Oficina Técnica da Xunta de Galicia para o Pacto das Alcaldías, chamando ao 670506359 ou ben enviando un correo electrónico á dirección pactodealcaldes@xunta.gal

@GaliciaSostible #Compromiso