A Xunta licita as obras nova planta de transferencia de Cee, que terá capacidade para 12.000 toneladas de residuos urbanos

martes, 1 Xuño, 2021 - 00:00

Trátase dunha planta que poderá transferir máis de 12.000 toneladas ao ano de residuos ao complexo medioambiental de Sogama e que prestará servizo aos concellos de Cee, Corcubión e Fisterra; pero podéndose ampliar ao outros próximos.

No día de inicio da Semana do Medio Ambiente, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá os terreos do parque empresarial que acollerá esta nova instalación, á que se destina un orzamento de case 2 millóns de euros para a súa posta en marcha.

Despois da adquisición de máis de 4.500 m2 de solo, a Consellería licita as obras da nova planta de transferencia coa que se mellorarán as prestacións, capacidade e calidade do servizo, xa que a actual planta ademais de ser máis pequena presenta limitacións técnicas e operativas, incluso a nivel de accesibilidade para os camións de recollida do lixo.

Vázquez Mejuto salientou que a nova instalación de Cee forma parte dunha rede planificada pola Xunta con criterios de eficiencia, sustentabilidade e eficacia, formada por 17 instalacións grazas ás que un total de 283 concellos (máis de 2,1 millóns de habitantes) disporán dunha planta de compostaxe ou ben dunha planta de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.

Esta rede está formada polas 13 plantas de transferencia e as catro plantas de biorresiduos de Galicia. En relación con estas últimas, a de Cerceda (A Coruña) xa está operativa baixo a xestión de Sogama; mentres que das tres restantes -a de Cervo (Lugo), Verín (Ourense) e Vilanova de Arousa (Pontevedra)- xa se están a redactar os proxectos construtivos, ao tempo que se tramitan as correspondentes autorizacións ambientais.

En total, suman unha capacidade de procesamento de 46.200 toneladas anuais de residuos orgánicos e material estruturante, obtendo entre 12.000 e 13.000 toneladas de compost de calidade. Estas novas plantas complementarán ás públicas e privadas destas características, actuais e futuras.

A Xunta tamén prevé mellorar as plantas de transferencia, coa adaptación de sete delas, habilitando nas mesmas unha tolva específica para o transvase da materia orgánica (son as de Lugo, Ourense, Vigo, Silleda, A Rúa, Narón e Porriño —das que se están a desenvolver os estudos do proxecto técnico en cada unha delas). Igualmente, contempla a transformación de 5 microplantas existentes en novas plantas de transferencia de maior capacidade. Mentres que as plantas de Curtis e Ponteceso ampliaranse na mesma ubicación; no caso das da Cañiza e Riotorto estanse a estudar novos emprazamentos. Pola súa banda, a transformación da planta da Lama, actuación xa en licitación, implica o cambio de localización, pero dentro do mesmo parque empresarial.

Segundo manifestou a conselleira trátase dunha planificación responsable e con previsión para mellorar o servizo destas instalacións e axudar aos concellos galegos na obriga -que establece a normativa actual- de ter implantadas a recollida selectiva da materia orgánica a través do quinto contedor, o de cor marrón, a final do ano 2023.