A Xunta lanza unha web para canalizar a información do Pacto dos Alcaldes polo Clima, que suma 150 concellos en Galicia

mércores, 14 Agosto, 2019 - 08:00

 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de lanzar un novo portal web vencellado ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía co fin de dinamizar e canalizar todas as accións promovidas neste sentido pola Xunta, que desde 2017 exerce de coordinadora na comunidade desta iniciativa, impulsada a nivel europeo para implicar tamén ás administracións locais na loita contra o cambio climático.

Durante a presentación oficial da páxina pactodosalcaldes.gal esta mañá, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, explicou que se trata dunha ferramenta deseñada co obxectivo de proporcionar aos 313 concellos información de interese para fomentar a súa adhesión ao Pacto e o desenvolvemento dos compromisos que implica, así como servir de canle de comunicación entre a Xunta e os municipios adheridos.

Neste sentido, indicou que a páxina terá un espazo privado reservado para ás entidades que xa estean adheridas e que servirá de canle de comunicación e intercambio de experiencias entre os concellos e a Oficina Técnica do Pacto dos Alcaldes en Galicia, creada pola Xunta o ano pasado para canalizar o seu traballo de coordinación con relación a este movemento.

Nestes momentos, hai xa 121 concellos adheridos formalmente ao Pacto na comunidade (42 da provincia de A Coruña, 25 de Lugo, 38 de Ourense e 16 de Pontevedra ) e outros 32 que están en trámites de adhesión ou contactaron recentemente coa Xunta para interesarse.

Tendo en conta estas cifras, a directora xeral amosouse satisfeita coa resposta que está a ter o Pacto dos Alcaldes entre o municipalismo galego, xa que, recalcou, no primeiro ano da Xunta como coordinadora en Galicia, logrou sumar e atraer a esta iniciativa a 143 entidades locais, 12 delas cunha poboación superior aos 20.000 habitantes e incluídas catro das sete grandes cidades: A Coruña, Santiago, Lugo e Ferrol.

Compromisos e obxectivos das entidades adheridas

Cómpre lembrar que o Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía foi lanzado en Europa no ano 2008, e implica na actualidade a case 10.000 autoridades locais pertencentes a 59 países de todo o mundo. A Xunta traballa como coordinadora do pacto coa convicción de que os retos globais do cambio climático deben afrontarse desde as vilas e as cidades de xeito unido e partindo da premisa “pensar global, actuar local”. “Cremos que o Pacto é o mellor instrumento para implicar aos concellos na loita contra este fenómeno”, opinou.

Nese sentido, María Cruz Ferreira considerou que, debido á súa maior proximidade á cidadanía, a implicación dos concellos é “determinante” no proceso de transición enerxética e nos obxectivos con relación ao cambio climático que se ten fixado a UE para o ano 2030 (que se resumen nun 27% menos de consumo enerxético, un 40% menos de emisións de CO2 e un 27% máis de enerxías renovables). Por iso, lembrou que o reto do Goberno autonómico é traballar para lograr a adhesión ao pacto da práctica totalidade dos 313 concellos galegos de aquí a 2020.

En todo caso, a directora xeral subliñou que a Xunta quere ir mesmo máis alá dos obxectivos fixados por Europa e a través da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía (EGCC) define a folla de ruta a medio e longo prazo co obxectivo de converter a Galicia nunha rexión climaticamente neutra en carbono antes do ano 2050. Este horizonte equipara á comunidade con outras nacións punteiras na loita contra o cambio climático, como é o caso de Suecia, Francia, Costa Rica ou Nova Zelanda.

Funcións da oficina técnica

A Oficina Técnica do pacto foi creada pola Xunta para actuar como interlocutor directo cos concellos e servir de instrumento de apoio ás entidades locais para que coñezan o marco regulador, lexislativo e económico vixente, ofrecer asesoramento individual para aumentar a súa resiliencia ante o cambio climático e detectar posibles sinerxías con outros concellos. Desde que se activou oficialmente a comezos deste ano, mantivo un papel moi activo e de contacto permanente coas entidades locais, tanto coas adheridas como con aquelas que deron mostras do seu interese pola iniciativa. Así, no que vai de ano visitáronse un total de 129 concellos, contactouse con 297 e celebráronse reunións de traballo con 111.

As principais funcións da oficina consisten en asesorar aos concellos, axudándolles a levar a cabo un inventario de emisións; a elaborar o seu propio Plan de Acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) para o cumprimento dos compromisos fixados pola UE de aquí a 2030; e a creación de redes con concellos con similitudes xeográficas, co fin de poñer en marcha accións en común como vía eficaz para afrontar grandes retos globais, optar a apoios e financiamento e acadar metas que serían inalcanzables doutro modo.

Ao mesmo tempo, tamén é a que canaliza, desde o momento en que o pleno municipal aproba a adhesión, o propio trámite para unirse ao pacto, cubrindo o formulario a través da web da UE, e encargándose dos posteriores traballos de carácter administrativo.

Os concellos, pola súa banda, asumen unha serie de compromisos cando deciden sumarse ao movemento, entre os que cómpre subliñar a redución das emisións de CO2 no seu territorio nun 40% de aquí a 2030 ou aumentar a súa resiliencia ante o cambio climático. Actualmente hai 20 concellos que xa teñen realizado o inventario de emisións de referencia.

Impulso definitivo ao Pacto en Galicia

A entrada en funcionamento deste novo portal web, tal e como explicou Ferreira Costa, será clave para impulsar e aplicar o Pacto en Galicia, porque porá a disposición dos concellos os materiais necesarios para aprobar a súa adhesión, un amplo abano de exemplos de boas prácticas para o deseño dos plans de acción, e referencias de liñas de financiamento para a implementación dos mesmos.

Ademais, esta web fará máis accesible a axenda de eventos que se están a realizar para favorecer o intercambio de experiencias entre autoridades locais no desenvolvemento da iniciativa e será o principal vehículo de información e difusión do Pacto en Galicia.

Neste sentido, Ferreira Costa engadiu que tamén servirá para informar á cidadanía, ONGs e outro tipo de organismos interesados na loita contra o cambio climático sobre a situación do Pacto dos Alcaldes en Galicia: número de concellos adheridos, cumprimento dos compromisos, plans de enerxía e clima dos concellos dispoñibles, etc.