A Xunta habilita unha ferramenta pioneira para facer proxeccións climáticas co fin de facilitar aos concellos a análise de riscos e a redacción de plans de adaptación

mércores, 1 Decembro, 2021 - 00:00

A Xunta porá á disposición dos concellos adheridos ao Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía unha ferramenta tecnolóxica pioneira en Galicia para facer proxeccións climáticas a nivel rexional e local, unha información clave no estudo dos riscos derivados do cambio climático e, polo tanto, tamén para o deseño e elaboración dos correspondentes plans de adaptación municipais.

Durante a presentación da nova aplicación aos concellos nun acto celebrado no Auditorio municipal de Padrón, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, enmarcou esta iniciativa no compromiso da Xunta coa loita contra o cambio climático e no seu apoio ao municipalismo galego como peza clave na mesma pola necesidade de “actuar a nivel local” fronte a un problema global.

Esta nova utilidade, desenvolvida por MeteoGalicia co nome de Ferramenta de apoio á acción polo clima, porá a disposición de todos os concellos adheridos ao Pacto unha aplicación tecnolóxica de gran utilidade na redacción dos seus plans de acción, xa que lles permite estimar os posibles escenarios derivados do cambio climático a nivel rexional e local.

Trátase dun instrumento clave para dispoñer a medio e longo prazo de proxeccións meteorolóxicas, o primeiro paso para estudar o impacto do cambio climático a nivel local e propoñer plans de adaptación aos posibles efectos deste fenómeno, de xeito que os concellos poden visualizar as posibles variacións do clima en Galicia segundo o nivel de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro que se consiga.

Tras indicar que a ferramenta xa está plenamente operativa e que nos vindeiros días se habilitará o seu acceso para os concellos, Ángeles Vázquez salientou a axuda que suporá para seguir impulsando a redacción dos Plans de acción polo clima e a enerxía sustentable (Paces) en Galicia, un instrumento de adaptación co que xa contan 256 concellos grazas ao apoio da Xunta, que no período 2020-2021 concedeu axudas para a súa elaboración por un importe de 1,3 millóns de euros.

Neste sentido, a conselleira lembrou que a día de hoxe un total de 277 concellos —que aglutinan ao 92,6% da poboación galega— forman parte xa do Pacto, unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea en 2008 e que se converteu no maior movemento internacional para buscar sinerxías entre administracións ante o cambio climático.

Estas cifras demostran, como incidiu Ángeles Vázquez, o compromiso do municipalismo galego coa loita contra o quecemento global e cos obxectivos de neutralidade climática, resaltando o pulo que recibiu este movemento en Galicia desde que a Xunta se implicou como coordinadora, no ano 2017.

De feito, asegurou que durante a última Asemblea española do Pacto, celebrada este mes en Valencia, o representante da Oficina europea do movemento resaltou o exemplo de Galicia polo seu apoio ás entidades locais, mediante a achega de fondos para apoiar iniciativas como a redacción dos Paces.