A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda repartiu gratuitamente un total de 14.000 composteiros no marco do programa de compostaxe doméstica de Sogama, unha iniciativa que está a ter unha gran acollida como demostran as 351 entidades adheridas na actualidade.
O obxectivo do programa, que nos últimos meses recibiu un pulo importante co reparto de 2.500 novas unidades, é promover na comunidade a reciclaxe da materia orgánica xerada nos fogares, un sistema con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Para logralo, Sogama reparte gratuitamente recipientes con capacidade para 390 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables ao final da súa vida útil. Os destinatarios destes composteiros domésticos son fundamentalmente concellos (un total de 199 en toda Galicia), ademais de centros educativos (130) e colectivos sociais (22), entre os que se busca promover grazas a esta iniciativa a reciclaxe da materia orgánica en orixe.
Son os propios entes locais os que, no marco dun acordo con Sogama, encárganse de seleccionar ás familias que, voluntariamente, desexan participar no proxecto. O requisito imprescindible é que estas habiten en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo de aproveitamento da materia orgánica, que regresa á terra en forma de abono.
Ademais dos medios materiais, a empresa pública imparte cursos de formación presencial a fin de explicar aos veciños o proceso a seguir para obter un compost de alta calidade.
Estas sesións compleméntanse coa dotación de manuais didácticos de apoio e outros recursos divulgativos para que os cidadáns teñan a oportunidade de ampliar os seus coñecementos, consultar dúbidas e tomar nota dos erros máis comúns e de como emendalos.
Programa en expansión
Aínda que empezou a funcionar no ano 2010, o programa de autocompostaxe de Sogama segue crecendo e sumando adhesións. De feito, recentemente incorporáronse ao mesmo oito novos concellos: A Estrada e Lalín, na provincia de Pontevedra; Trazo, Coristanco, Outes, Camariñas, Mesía, Cerceda e Rianxo, na da Coruña; e Muras e Taboada, na de Lugo. Toda a información sobre a iniciativa pode consultarse en www.compostaconsogama.gal.
Cómpre lembrar que arredor do 40% da bolsa negra dos fogares está composta por materia orgánica, de aí a importancia de recoller e tratar de forma axeitada os biorresiduos. Neste sentido, a fabricación de compost a partir de restos orgánicos reporta un triplo beneficio xa que, por un lado, contribúese á mellora do medio ambiente ao reducir as emisións de CO2, por outro conséguese un fertilizante de calidade grazas á recuperación dunha práctica tradicional do rural galego, e por último, tamén se logran reducir os custos dos servizos municipais de recollida do lixo.
@GaliciaSostible #Compromiso