A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou o pasado 15 de febreiro, que os galegos reciclaron o ano pasado un 1,4% máis de envases de plástico, latas e briks a través do contedor amarelo, incrementando en 458,92 as toneladas recuperadas.
Tras lembrar que en 2021 os galegos tamén enviaron a Sogama 405 toneladas menos de desperdicios incluídos na fracción resto —aquela que se recolle a través do contedor xenérico e que se corresponde coa chamada bolsa negra—, a responsable autonómica considerou estas cifras “significativas” tendo en conta que se corresponden co período inmediatamente posterior ao 2020, marcado pola influencia que tivo a pandemia da covid e o confinamento domiciliario na produción de residuos.
Á vista destes datos, a conselleira considerou que unha gran maioría dos galegos están xa totalmente comprometidos coa xestión sostible e eficiente dos residuos urbanos e cun consumo máis responsable nos seus fogares.
Durante unha visita á Baña, precisamente, a responsable autonómica puxo como exemplo a este concello coruñés, polos bos resultados conseguidos o ano pasado tanto desde o punto de vista da produción de lixo convencional como das taxas de reciclaxe de envases lixeiros.
Neste sentido, indicou que A Baña foi un dos municipios galegos que logrou reducir máis neste período a bolsa negra —34 toneladas menos que o ano anterior—. Así mesmo, a recuperación de envases de plástico, latas e briks tamén aumentou de forma notable no concello, cun total de 46,41 toneladas recollidas o ano pasado, un 55,2% máis que no exercicio anterior.
Acompañada polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, a conselleira visitou o punto limpo municipal, construído polo Goberno galego en 2005 e que desde entón ofrece aos veciños un lugar onde levar e depositar determinado tipo de residuos especiais.
O funcionamento desta instalación, segundo indicou, é unha mostra máis do compromiso municipal coa xestión do lixo de orixe doméstica e a posta ao dispor dos veciños tanto de espazos idóneos para o seu almacenamento, como do material e os recursos necesarios para garantir unha correcta separación en orixe.
A este respecto, lembrou que o concello coruñés é un dos 222 adheridos en Galicia ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, grazas ao cal 30 vivendas unifamiliares do municipio contan xa co seu propio composteiro para autogestionar a fracción orgánica dos seus residuos e utilizala para xerar compost de calidade, que poden reutilizar nas súas propias hortas e terreos.
Por todo isto, a conselleira felicitou ao alcalde da Baña, Andrés García, subliñando que grazas ao esforzo e ao traballo realizado neste ámbito, os concellos galegos avanzan cara a unha xestión máis eficiente e correcta dos residuos municipais, o que se traduce tamén nun aforro económico importante que beneficia de forma directa aos cidadáns.
Neste sentido, explicou que Sogama aplica desde 2019 unha redución do 10% no canon que lle cobra aos concellos polo tratamento dos residuos a cambio de que acrediten unha redución da produción de lixo e/ou un aumento da reciclaxe dos envases lixeiros. O concello da Baña leva tres anos beneficiándose deste incentivo, cun aforro de máis de 18.000 euros que repercutiu nas facturas do lixo que pagan os veciños por este servizo.
Pola súa banda, o rexedor agradeceu que desde a Xunta considérese que A Baña “está a facer as cousas ben” en materia de residuos e subliñou o importante papel e implicación que está a xogar neste sentido os veciños. “Se entre todos poñemos un pouco de sensatez, contribuiremos a mellorar o medio ambiente”, engadiu.
Fai falta lembrar que aínda que a xestión dos residuos de orixe doméstica é unha competencia municipal, o Goberno galego traballa e apoia aos concellos para axudalos a conseguir os obxectivos marcados pola UE nesta materia.
En concreto, a conselleira referiuse ao deber de implantar, antes de 31 de decembro de 2023, a recollida diferenciada da fracción orgánica a través do quinto contedor, o de cor marrón. Un obxectivo que Galicia aspira a cumprir, tal e como lembrou, grazas a unha ampla rede de infraestruturas integrada por 17 instalacións á que a Xunta destinará preto de 40 millóns de euros e que dará servizo a practícaa totalidade dos galegos.