A Xunta defende a necesidade de implicar á sociedade para lograr unha planificación urbanística de calidade

mércores, 1 Setembro, 2021 - 00:00

A Xunta de Galicia defendeu hoxe a necesidade de contar coa participación activa do conxunto da sociedade para avanzar cara a unha planificación urbanística de calidade, racional e coherente no marco dunha xornada de traballo sobre arquitectura e urbanismo organizada pola Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) e a Fundación RIA Barbanza.

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, foi a encargada de inaugurar o evento, que se celebrou na Escola Náutico Pesqueira de Ribeira e contou coa participación, entre outros, do alcalde do municipio, Manuel Ruiz, do director da ETSAC, Plácido Lizancos, e do arquitecto e presidente da Fundación RIA, David Chipperfield.

Durante a súa intervención, Encarnación Rivas incidiu en que o urbanismo e a arquitectura son disciplinas que teñen “vocación transformadora” e, como tales, deben poñerse sempre “ao servizo das persoas”.

Por iso, defendeu a máxima do “urbanismo responsable” como principio inspirador das políticas da Xunta nos últimos anos, ao tempo que subliñou que o camiño para lograr unha planificación do territorio de calidade pasa por recoñecer a necesidade de contar na mesma coa implicación de toda a sociedade.

“Confiamos en que co acordo entre os técnicos, toda a poboación e os seus representantes, a ordenación urbanística e territorial deixe de ser unha regra sobre o papel para converterse en motor de desenvolvemento que conxugue os intereses xerais e particulares”, asegurou a directora xeral, que avogou pola “corresponsabilidade” como fórmula para acabar coas “improvisacións” e converter a todos os galegos en “cómplices” da planificación e da “ordenación racional” do territorio.