A Xunta de Galicia lanza un estudo sobre a elaboración dos Plans de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES) en Galicia

luns, 27 Abril, 2020 - 00:00

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, é a coordinadora do Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía en Galicia e ven traballando cos concellos galegos promovendo e apoiando a súa adhesión e a consecución dos seus compromisos.

Para facilitar este labor, a Consellería crea a Oficina Técnica de Pacto dos Alcaldes, instrumento cofinanciado con fondos FEDER.

Aínda que todo o enfoque político inmediato está na loita fronte ao Coronavirus a Xunta de Galicia, ao igual que os Concellos, continúa o seu traballo preparatorio sobre outras iniciativas políticas, como é a loita contra o Cambio Climático. As repercusións do COVID-19 para a sociedade e a economía están a poñer a proba moitos modelos de negocio e xestión, aínda que as administracións máis sustentables teñen que equilibrar a tensión dinámica entre a economía, o impacto social e medioambiental. Temos que adaptarnos á situación que nos tocou vivir. Adaptación e Mitigación van paralelas sempre cando tratamos de Cambio Climático. Por iso estamos ao lado dos Concellos, máis que nunca, e pese ao momento tan delicado no que nos encontramos, provocado polo impacto do COVID-19, lanzamos novas iniciativas para non deixar a ninguén atrás.

Os municipios que se adhiren ao Pacto asumen os obxectivos adoptados pola Unión Europea para frear os efectos do cambio climático, comprometéndose a reducir, de aquí o 2030, un 40% as emisións de CO2, ao tempo que adoptan medidas de adaptación. Estes compromisos instrumentaranse a través da elaboración dun Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible – PACES por parte de cada Concello.

Así, co obxectivo de coñecer a situación actual sobre a elaboración dos PACES en Galicia, a Xunta de Galicia lanza un estudio dirixido a eses 189 concellos galegos xa adheridos, que se instrumentará a través dun cuestionario online.

Esta enquisa, a cubrir por todos os concellos galegos adheridos ao Pacto dos Alcaldes, permitirá ademais recoller comentarios e inquedanzas xurdidas durante a elaboración do PACES, permitindo así establecer accións encamiñadas á mellora do servizo de asesoramento por parte da Oficina Técnica da Xunta de Galicia para o Pacto dos Alcaldes.

A estrutura da enquisa é sinxela, de maneira que a súa cumprimentación por parte do Concello será áxil sendo a duración estimada da mesma uns 10 minutos. Nela tratarase de obter información concreta sobre os diferentes aspectos relacionados co desenvolvemento do PACES para identificar o avance de cada un dos apartados esixidos no mesmo.

O acceso ao cuestionario online pode realizarase a través da seguinte LIGAZÓN

#GaliciaSostible #Compromiso