A Xunta convoca novas axudas por importe de 4,5 M€ para impulsar proxectos de autoconsumo a través da enerxía fotovoltaica

xoves, 13 Agosto, 2020 - 00:00

Diario Oficial de Galicia (DOG) acaba de publicar a convocatoria das axudas para impulsar proxectos de enerxía fotovoltaica ás que a Xunta destina 4,5M€. Van dirixidas a empresas, administracións locais e entidades sen ánimo de lucro e teñen como obxectivo fomentar o autoconsumo eléctrico a través de fontes de enerxía renovable.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o vindeiro 21 de setembro e finalizará o 1 de decembro pero, desde hoxe, as entidades colaboradoras —empresas con actividade de instalación de baixa tensión dadas de alta na Consellería de Economía, Emprego e Industria— teñen 15 días hábiles para solicitar a súa adhesión a este programa en réxime de concorrencia non competitiva. Cando o beneficiario sexa unha entidade sen ánimo de lucro ou unha empresa ou autónomo, a solicitude das axudas presentarase a través delas.

Con estas axudas financiarase a instalación de paneis solares fotovoltaicos; sistemas para o acondicionamento da enerxía eléctrica, de monitorización ou de acumulación con baterías (reguladores de cadros eléctricos, convertedores, sensores, cableado, equipamentos de medidas, elementos de interconexión ou de comunicación remota, etc.); o resto de accesorios da instalación para o seu correcto funcionamento e o custo da montaxe e da conexión.

Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder Galicia-2014-2020. A contía máxima por proxecto para empresas e entidades locais será de 40.000 euros e de 25.000 euros para as entidades sen ánimo de lucro.

A fotovoltaica é unha enerxía renovable cun reducido impacto ambiental que, polo seu carácter de recurso autóctono, favorece a redución de emisións de CO², o autoabastecemento e a seguridade na subministración a prezos competitivos. En definitiva, o obxectivo destas axudas é apoiar proxectos que incidan no aforro e na eficiencia enerxética a partir de fontes renovables, que é un dos compromisos da Xunta para contra cada vez cunha Galicia máis verde.

+INFO en https://gaia.xunta.es/plataforma/ambilex/searchByCode?id=9bcf3120-f2aa-4ea0-bb69-081497182433

@GaliciaSostible #Compromiso