A Xunta de Galicia concederá axudas de ata 25.000 euros aos concellos galegos que desexen corrixir impactos paisaxísticos en edificios e equipamentos municipais. O Diario Oficial de Galicia do vindeiro venres publicará a Orde deseñada polo Instituto de Estudos do Territorio, aprobada recentemente polo Consello da Xunta, para renovar, acondicionar ou intervir sobre inmobles da súa propiedade que inflúen negativamente na contorna na que se localizan.
Así o adiantou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita á aldea de Puxedo, onde puido comprobar as actuacións que se están a executar grazas a unhas axudas do Goberno galego; e onde animou aos concellos beneficiarios a presentar unha solicitude a esta nova liña de incentivos, que se convoca por primeira vez cun importe de 800.000 euros.
A conselleira destacou que se trata dunha nova orde dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes, para axudalos a emendar impactos paisaxísticos, nos seus edificios como nos equipamentos públicos de titularidade municipal.
“É primeira vez que se establecen este tipo de incentivos directos para mellorar o aspecto dos inmobles” e indicou que se fixan dúas liñas diferenciadas, como as intervencións sobre edificios ou dependencias que alberguen servizos municipais, incluíndo actuacións de renovación de acabados exteriores en fachadas, cubertas e cerramentos. A subvención suporá o 70% do investimentos previsto, cun límite máximo de 25.000 euros por concello.
A segunda liña aposta por actuar sobre fontes, hórreos, lavadoiros públicos e palcos de música a través da execución de traballos de acondicionamento, rehabilitación ou substitución, parcial ou total, dos elementos deteriorados. Neste caso, a porcentaxe subvencionable tamén será do 70% do custo da obra, cun límite de 10.000 euros.
As actuacións deberán adaptarse ou ben aos criterios fixados na Guía de cor e materiais de Galicia, ou ben aos da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.