Nesta edición ponse o foco no papel dos procesos creativos na innovación sobre catro áreas estratéxicas como son o reto climático, a transformación dixital, a competitividade empresarial e o benestar social.
A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de innovación (Gain), organiza o vindeiro martes 29 de xuño a cuarta edición do seu Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial, que volve ao CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) en formato mixto, presencial-virtual, para conmemorar o Día Mundial do Deseño Industrial.
Os asistentes terán ocasión de coñecer a visión de varios grupos de expertos sobre a transición cara á economía creativa, a iniciativa New European Bauhaus e o posicionamento de Galicia como referencia sustentable, transformadora e diferencial. Nelas participarán expertos como os deseñadores estratéxicos Alberto Barreiro e Manuel Vázquez, o deseñador gráfico e industrial Federico Duarte e a directora de sustentabilidade de Ikea España, Mónica Chao.
Ademais, poderanse ver varios proxectos de innovación aberta participados ou liderados por empresas galegas nos que o deseño é o elemento clave para lograr produtos ecoeficientes e ligados á innovación responsable: Eezon (unha moto eléctrica de tres rodas deseñada polo grupo Marsan), Circadionic (unha iluminación intelixente desenvolvida por Setga que se adapta ao ciclo vital das persoas) e Netv3a (o robot de acompañamento persoal de Atendo Calidad).
A cita está aberta a profesionais do deseño de todas as disciplinas (industrial, gráfico, de produto, organizacional, dixital e multimedia), estudantes desta especialidade e representantes de empresas e outras entidades interesadas en potenciar o deseño como ferramenta de innovación e competitividade nas súas organizacións.
A inscrición para a asistencia presencial estará aberta ata completar o aforo permitido con base nas restricións sanitarias e o evento poderá seguirse tamén en streaming. Para calquera das dúas modalidades será necesario rexistrarse a través da web de Gain.