A Xunta celebra en Abegondo unha xornada cos 6 concellos seleccionados para a elaboración de plans municipais de abastecemento autónomo

xoves, 9 Setembro, 2021 - 00:00

A consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, celebrou o día 7 de setembro en Abegondo unha xornada de traballo cos 6 concellos seleccionados na primeira convocatoria da Xunta para a elaboración de plans municipais de abastecemento autónomo, que suporán un investimento autonómico de 900.000 euros.

Trátase dunha das primeiras accións realizadas no marco dos traballos de desenvolvemento e implantación destes plans de abastecemento autónomo, na que participan máis de 100 representantes das entidades locais e comunidades de usuarios dos municipios de Oia, de Baleira, de Oímbra, de Mondariz, de San Xoán de Río e de Cerdedo-Cotobade.

O departamento que preside Ethel Vázquez organizou a visita ao municipio coruñés para darlles a coñecer aos concellos o proxecto piloto Abegondo Rural Supplies, que a través de accións innovadoras permitiu mellorar os servizos aos cidadáns con sistemas de abastecemento e saneamento descentralizados, fronte aos centralizados de titularidade pública.

O programa é o resultado do desenvolvemento do proxecto europeo LIFE12 ENV/ERES/000557 Rural Supplies, promovido polo Concello de Abegondo, Augas de Galicia e a Consellería de Sanidade.

O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, xunto cos técnicos participantes no proxecto Abegondo Rural Supplies, deron a coñecer o modelo desenvolvido no municipio para os abastecementos autónomos descentralizados, unha alternativa ao abastecemento público municipal nas zonas rurais dispersas de Galicia, moito máis eficiente e eficaz. Isto é de especial relevancia en Galicia, ao ser un dos territorio nos que existe maior dispersión da poboación en comparación co resto de España.