A Xunta anuncia axudas para a elaboracións dos PACES aos Concellos adheridos ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía

luns, 11 Maio, 2020 - 00:00

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convocará por primeira vez a orde de axudas para a elaboración de Plans de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) para as entidades adheridas ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía. 

  • Medio Ambiente presenta un informe no Consello da Xunta celebrado o 8 de maio para dar contar da Orde pola que se regulará esta liña de incentivos dotada cun orzamento dun millón de euros para o presente ano.
  • As axudas están destinadas a sufragar a elaboración de plans de accións para o clima e a enerxía sustentable, co fin de axudar aos concellos e outras entidades locais a cumprir os obxectivos de mitigación do cambio climático
  • O importe das axudas varía en función da poboación, polo que poden chegar ata os 20.000 euros para os concellos con máis de 100.000 habitantes

O Consello da Xunta coñeceu o día 8 de maio o contido relativo ao Informe da Orde de axudas dirixidas a entidades locais co fin de que elaboren Plans de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) cos que planificar e adoptar medidas que apoien e mitiguen a loita contra o cambio climático desde a perspectiva local. Trátase da primeira vez que a Xunta establece este tipo de incentivos que están dirixidos aos concellos galegos, ás entidades supramunicipais e ás agrupacións de entidades locais, que se atopen formalmente adheridos ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, antes da solicitude da axuda.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicará esta orde de axudas no Diario Oficial de Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva. Estará dotado dun orzamento global dun millón de euros para o presente exercicio e están co- financiadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Un Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible consiste nun Inventario de Emisións de Referencia (IER), a definición de Accións de Mitigación,  unha Avaliación de Riscos e Vulnerabilidades e un Plan de Adaptación ao Cambio Climático.

Por iso, a liña de incentivos que vén lanzar a Consellería de Medio Ambiente sufragará os traballos de asistencia técnica para a elaboración dos mesmos, sempre e cando -segundo requisito da orde de axudas- non este redactado nin aprobado. Deste xeito, os concellos integran á loita contra o cambio climático como unha das variables que deben ter presente na definición das súas políticas, tanto para reducir os gases de efecto invernadoiro e mellorar a eficiencia enerxética, como para adaptarse ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o planeta. Cómpre lembrar que a realización destes plans é un dos compromisos adquiridos polos concellos galegos asinantes do Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, onde un dos seus compromisos é que deberán contar cun PACES no prazo de dous anos desde a adhesión.

Nese sentido, a Xunta quere apoiar ás entidades na realización dos mesmos, polo que habilita esta liña de axudas onde a contía variará en función da poboación e que vai dos 3.000 (para concellos de ata 2.000 habitantes) ata os 20.000 euros, para aqueles que superen os 100.000.

Fenómeno da actual sociedade

Un dos problemas ambientais primordiais ao que se enfronta a actual sociedade é o cambio climático, un fenómeno de dimensións globais que debe ser abordado no ámbito internacional. Así, a súa solución pasa necesariamente polo traballo conxunto de todos os sectores da sociedade, incluídos os diferentes niveis administrativos e, dentro destes, mención especial merece o labor dos concellos pola súa proximidade e relación directa cos cidadáns.

A Comisión Europea puxo en marcha en 2008 o Pacto dos Alcaldes (Covenant of Mayors), unha iniciativa aberta a todas as cidades e municipios en Europa co obxectivo de involucrar ás autoridades locais e aos cidadáns no desenvolvemento e a aplicación da política enerxética da Unión Europea. En Galicia, a Xunta é a coordinadora do Pacto dos Alcaldes en Galicia, que puxo en marcha a Oficina Técnica de coordinación e asesoramento, constituída en 2018 e activa desde comezos de 2019. Nestes momentos, son xa 189 os concellos adheridos, unha cifra que avanza a bo ritmo e que sitúa a Galicia máis preto do obxectivo final de que o 90% dos municipios galegos estean plenamente integrados no Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía a finais deste ano.

Así, os concellos adheridos ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía fan propios os obxectivos europeos fixados para o ano 2030 como reducir as emisións de CO2 no seu territorio en, polo menos, o 40%; mellorar a eficiencia enerxética nun 32,5% e incrementar o uso de fontes de enerxía renovable un 32,5%, traballando á súa vez na implantación de medidas de adaptación ao cambio climático e aumento da resiliencia fronte a este.

@GaliciaSostible #Compromiso