A Xunta de Galicia adxudicará este outono as obras da nova planta de transferencia de residuos de Riotorto, na que se invisten preto de 2 millóns de euros e que virá a substituír a microplanta que leva anos operando neste concello.
Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen visitou esta mañá, acompañada polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, e os alcaldes dos concellos aos que dará servizo (Riotorto, Meira, A Pastoriza, Pol, A Pontenova e Ribeira de Piquín), os terreos que albergarán as futuras instalacións, financiadas con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) como resposta da UE á crise da Covid, primando aquelas actuacións que repercutan na protección do medio ambiente e nunha maior calidade de vida.
A nova planta estará situada nunha parcela de 15.000 m2, onde se disporá unha nave para o proceso de transvasamento dos residuos urbanos que ocupará unha superficie de 710 m2 e terá unha capacidade máxima de 13.500 toneladas/ano e estará preparada para transferir, ademais da bolsa negra (contedor verde xenérico), a amarela (contedor amarelo) e a materia orgánica recollida de forma separada a través do quinto contedor, o de cor marrón.
Segundo explicou a conselleira, a planta de transferencia dará servizo de xeito inicial a seis concellos (Riotorto, Meira, A Pastoriza, Pol, A Pontenova e Ribeira de Piquín) que aglutinan a preto de 10.300 habitantes, dentro dun radio máximo de 25 km.
A nova instalación contará cun compactador fixo xa que os portátiles, ademais de ter menos capacidade, son máis propensos a avarías, menos fiables, teñen menor dispoñibilidade, e maiores custos de mantemento. Disporá tamén de sistema de translación de contedores, con capacidade para dous, propiciando que se desligue o seu funcionamento do estado do transporte, que pode sufrir atrasos por diversos motivos.
Todo isto verase complementado cun aparcadoiro de contedores e un edificio destinado a oficina, vestiario e almacén, que cubrirán as súas necesidades enerxéticas con paneis solares, fomentando deste xeito as enerxías renovables.
A previsión, tal e como indicou a conselleira, é que a planta entre en funcionamento en outubro de 2022 pasando a formar parte da rede de infraestruturas promovida pola Xunta co fin de garantir a valorización dos residuos orgánicos na Comunidade mediante a súa conversión en compost, un abono de alta calidade que poderá ser aplicado na agricultura e na xardinería como fertilizante natural, substituíndo aos artificiais.