Xornada de Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía en Marín

martes, 22 Outubro, 2019 - 12:15

Os Concellos da Provincia de Pontevedra súmanse ao proxecto Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía. Marín, 22 de outubro de 2019. Este martes celebrouse no Museo Municipal Manuel Torres de Marín unha xornada de presentación e seguimento da Oficina Técnica do Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía da Xunta de Galicia, organizada a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O motivo da celebración deste evento foi o de proporcionar ao persoal técnico e político dos Concellos da Provincia de Pontevedra, información de interese sobre que é o Pacto dos Alcaldes, os obxectivos a acadar e os compromisos que asume cada concello coa súa adhesión. Tamén se presentaron os avances da Oficina Técnica de Pacto dos Alcaldes, instrumento financiado pola Xunta de Galicia e coordinado dende a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, para asesorar aos Concellos na súa adhesión e na elaboración do seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable- PACES. Compre lembrar que actualmente xa son 147 os concellos galegos adheridos ao Pacto.

A quenda de intervencións comezou coa benvida por parte da Alcaldesa do Concello de Marín, María Ramallo Vázquez, aos máis de 30 representantes de diferentes concellos da Provincia de Pontevedra. A continuación, a Directora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, María Cruz Ferreira Costa, incidiu na necesidade de aliñar as políticas municipais coa Axenda 2030 e fomentar a mellora diaria da xestión medioambiental, incluíndo a loita contra o cambio climático como fundamento dunha xestión local de excelencia. Ademais destacou o compromiso da Xunta de Galicia cos concellos galegos e explicou os distintos mecanismos a través dos que a Xunta de Galicia presta apoio e asesoramento a través da Oficina Técnica do Pacto.

Para rematar a xornada, D. Antonio Ángel Fraga Sánchez, Primeiro Tenente de Alcalde e Concelleiro de Medio Ambiente, Saúde e Promoción Industrial do Concello de Curtis, introduciu exemplos de como implicar á cidadanía nos compromisos do Pacto de Alcaldes.

As vindeiras Xornadas de Presentación e Seguimento do proxecto Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía terán lugar en Sober (5 de novembro), Mondoñedo (12 de novembro) e Cambre (19 de novembro). Pódese atopar máis información en https://pactodosalcaldes.gal así como realizar un seguimento en Redes Sociais a través de @GaliciaSostible.

 

Sober

5 de novembro ás 11:00h

Centro da Cultura (Praza do Concello)

Mondoñedo

12 de novembro ás 11:00h

Centro Comarcal Pazo Santo Tomé (R/ Xulia Pardo, 13)

Cambre

19 de novembro ás 11:00h

Villa Concepción (Praza Vila Concepción, 1)