O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, puxo o 7 de febreiro en valor a aposta que están a facer as universidades galegas polas enerxías renovables para contribuír a unha Galicia máis verde e sustentable. Unha aposta, dixo, que conta co apoio da Xunta e que, nestes dous anos, entre 2021 e 2022, vai sumar investimentos por importe de 10M€.
Conde, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou a nova instalación xeotérmica do edificio Ferro, no campus universitario ourensán, onde se instalaron cinco bombas de calor, vinilos solares e alumeado LED. Ademais, tamén se implantaron 278 paneis de enerxía solar fotovoltaica no edificio do Politécnico. En total, estas novas instalacións suman 925.000 euros de investimento público-privado.
O vicepresidente económico apuntou que se trata dunhas obras que a Xunta apoia a través dunha orde de axudas que abriu especificamente para as universidades públicas de Galicia, co fin de que poidan implantar sistemas de enerxías renovables térmicas e de aforro e eficiencia enerxética nos diferentes campus.
O vicepresidente económico lembrou que a Xunta vai seguir traballando por unha Galicia máis verde que ten que vincularse co desenvolvemento das enerxías renovables. Neste contexto, asegurou, “as propias administracións públicas e as universidades, neste caso, estamos amosando ese compromiso que demostra o esforzo que no conxunto dos sectores económicos e do tecido empresarial estamos desenvolvendo a prol dunha Galicia máis sustentable”, concluíu.