Un estudo conxunto impulsado por varias organizacións europeas de xestión de residuos - FEAD, CEWEP, RDF Industry Group e a Asociación Holandesa de Xestión de Residuos ( DWMA)-, e realizado por Prognos e CE Delft, mostra o potencial de redución de CO2 no sector da xestión de residuos.
O estudo toma como referencia as cifras de 2018 e examina dúas proxeccións nas que se compara o potencial de redución de CO2 da UE en 2035, coas proxeccións que analizan o rendemento da xestión de residuos e os obxectivos de reciclaxe e vertido na UE27 e o Reino Unido.
Os resultados mostran importantes emisións de CO2 evitadas para os seguintes 10 fluxos de residuos: papel, vidro, plásticos, metais ferrosos, aluminio, madeira, téxtiles, pneumáticos fóra de uso, residuos biolóxicos e residuos non reciclables.
En 2018, a industria dos residuos foi case neutra en canto aos fluxos de refugallos mencionados, con 13 Mt de emisións netas de CO2 eq ese ano. Isto inclúe o aforro de CO2 do sector manufactureiro que utiliza materiais e enerxía derivados dos residuos.
Segundo o informe, se se aplica con éxito a lexislación actual sobre residuos municipais e os mesmos obxectivos de reciclaxe e vertido aos residuos industriais e comerciais (Proxección 1), para 2035 en toda a UE27+Reino Unido, o potencial de redución de emisións de CO2 mellora significativamente a -137 Mt CO2 eq, o que supón un aforro de 150 Mt CO2 eq. O potencial de aforro case se duplicaría na proxección 2, máis ambiciosa. A carga actual de emisións netas de CO2 de 13 Mt CO2 eq na perspectiva de 20 anos podería baixar a -283 Mt CO2 eq de emisións netas, o que supón un aforro de 296 Mt CO2 eq.
En ambas proxeccións, utilizando a perspectiva de 20 anos, a clave para lograr a máxima redución de CO2 é aproveitar ao máximo as capacidades de reciclaxe e conversión de residuos en enerxía en toda a UE27 e o Reino Unido.
O presidente da FEAD, Peter Kurth, asegura que «a xestión eficiente dos residuos ten o potencial de achegar importantes contribucións ao acordo de París. O desafío climático require a plena aplicación da lexislación da UE existente, reforzada polo Green Deal da UE. Instamos á plena aplicación dos obxectivos de reciclaxe e vertido, e pedimos ao lexislador da UE que estableza novos sinais regulamentarios».
Neste sentido, Kyrth cre que «serán decisivos o contido reciclado obrigatorio nos produtos, o reforzo do deseño ecolóxico, unhas normas taxonómicas positivas para a recuperación de enerxía que cubran adecuadamente os residuos non reciclables, unhas normas eficientes de traslado de residuos dentro da UE para a súa recuperación e reciclaxe, e un forte apoio público á recollida selectiva«.