A UE blinda nunha lei os seus obxectivos para acadar a neutralidade climática

xoves, 20 Maio, 2021 - 00:00

O Parlamento Europeo e o Consello da UE veñen de chegar a acordo sobre a nova Lei do Clima Europea, unha das iniciativas máis salientables do Pacto Verde Europeo, a nova estratexia de crecemento da UE.

Mediante esta lei, os compromisos políticos da UE en materia de clima convértense nunha obriga xurídica, sendo vinculantes:

  • O compromiso da UE de acadar a neutralidade climática en 2050.
  • O obxectivo intermedio de reducir as emisións netas de gases de efecto invernadoiro para 2030 en polo menos un 55 %, con respecto aos niveis de 1990. Este obxectivo foi adaptado coa revisión en setembro de 2020 da proposta de regulamento. Con anterioridade, o obxectivo da UE para 2030 era acadar unha redución do 40% das emisións.

Para lograr estes obxectivos será preciso que a UE no seu conxunto e os Estados membros de maneira individual adopten as medidas necesarias para acadar cero emisións netas - as emisións unha vez deducidas as absorcións - de gases de efecto invernadoiro.

Así mesmo, a lei climática fomentará que haxa coherencia entre todas as políticas da Unión e o obxectivo de neutralidade climática, así como a colaboración de todos os sectores económicos para redactar follas de ruta sectoriais específicas, en liña coa visión holística ofrecida polo Pacto Verde Europeo.

Fonte e máis información: http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/noticias_ver.asp?idSeccion=23&idTem...