Sogama xa é propietaria dos máis de 12.000 m2 nos que se instalará a nova planta de biorresiduos de Verín

mércores, 22 Setembro, 2021 - 00:00

Sogama ratificou a compra que a acredita como propietaria dos terreos do polígono empresarial de Pazos, en Verín, nos que se instalará a nova planta de biorresiduos.

O seu presidente, Javier Domínguez Lino, e o director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García, formalizaron esta mañá a compravenda de tres parcelas, que suman máis de 12.000 m2, por un importe de máis de 500.000 euros.

Nos terreos adquiridos instalaranse dúas naves pechadas e impermeabilizadas, nas que se levará a cabo o tratamento dos residuos orgánicos que se reciban, grazas ás últimas tecnoloxías de procesado, control de cheiros e ruído, cunha operativa industrial que se alimentará con enerxía renovable —a través de paneis solares, fundamentalmente—.

Esta é a terceira planta de biorresiduos que construirá a Xunta a través de Sogama —xunto á de Vilanova de Arousa (Pontevedra) e a de Cervo (Lugo)—. As obras xa foron licitadas por 7,2 millóns de euros e dará servizo a 24 concellos da provincia, cunha poboación de preto de 52.300 habitantes.

A instalación, de características similares á de Cervo, terá unha capacidade de tratamento de ata 3.000 toneladas ao ano de fracción orgánica de residuos domésticos e outras 1.600 Tn de podas e restos de madeira. Con este material poderá acadarse unha produción de 1.500 Tn anuais de compost de alta calidade, que se destinará á agricultura como abono natural e sostible en substitución dos fertilizantes artificiais.

A planta abranguerá a totalidade do proceso da compostaxe dos residuos recibidos, comprendendo todas as fases —pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento—, así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas.