Un estudo titulado Integrated Ocean Carbon Research publicado pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO), advirte do papel pouco coñecido dos océanos e a súa regulación do clima na Terra por medio da absorción do dióxido de carbono (CO2), e explica que de perder esa función, os océanos contribuirían ao quecemento do planeta, acelerando o avance do cambio climático.
O estudo sinala que as investigacións do Panel Intergobernamental de Expertos Sobre o Cambio Climático (IPCC) proporcionan probas científicas sólidas que subliñan o papel do carbono oceánico no clima. Estes informes tamén salientan a urxencia de minimizar máis danos ao océano global, así como de manter os servizos oceánicos clave que están directamente ameazados pola acidificación, desoxigenación e quecemento dos océanos.
Para evitar que isto ocorra, di o informe, é urxente estudar o ciclo de captación do CO2, entendelo ben e establecer unha folla de ruta que guíe ás autoridades responsables no deseño de políticas de mitigación e adaptación ao cambio climático durante o próximo decenio.