No marco da Semana do Clima NYC 2021, o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente ( PNUMA), o Fondo para o Medio Ambiente Mundial (FMAM) e os seus socios lanzaron UrbanShift, unha nova iniciativa mundial para mellorar a vida e transformar as cidades en espazos verdes e habitables que aborden o cambio climático, a perda de biodiversidade e a contaminación.
UrbanShift apoiará a 23 cidades para que adopten enfoques integrados de desenvolvemento urbano, axudando a dar forma a cidades que sexan eficientes, resilientes e inclusivas. Os seus obxectivos inclúen evitar máis de 130 millóns de TCO2e de emisións de efecto invernadoiro. Mellorará tamén a xestión e restauración de aproximadamente un millón de hectáreas de terra.
O programa contará coa participación de diferentes axentes públicos e privados, de actuación local ata supranacional, para apoiar aos gobernos nacionais e municipais. Tamén está a crear unha plataforma de coñecemento e aprendizaxe para conectar ás cidades coa investigación de vangarda, ofrecendo un espazo para compartir experiencias e forxar asociacións.
UrbanShift contribuirá especialmente ao Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 11 de facer que as cidades e os asentamentos humanos sexan inclusivos, seguros, resilientes e sostibles, pero tamén a outros ODS como o ODS13, o ODS3 e o ODS15.