O Pacto das Alcaldías en 2025: un punto de inflexión para a acción climática local

venres, 19 Decembro, 2025 - 00:00

Un ano chave para reforzar o liderado local na acción climática europea

O ano 2025 marcou un punto de inflexión para o Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, consolidando o papel das cidades e rexións como axentes esenciais da transición climática en Europa. Ao longo do ano, reforzouse a cooperación entre niveis de goberno e itnensificouse o apoio político ás autoridades locais, cunha mensaxe clara: os obxectivos climáticos europeos só serán alcanzables cun liderado municipal forte, dotado de recursos e acompañado de ferramentas técnicas adecuadas.

Este impulso viuse reflectido nunha maior visibilidade institucional e en espazos de diálogo estratéxico nos que representantes locais, institucións europeas e actores chave abordaron retos prioritarios como a pobreza enerxética, a adaptación ao cambio climático e a aceleración da transición enerxética xusta. A Cerimonia do Pacto celebrada en Bruxelas converteuse nun dos momentos centrais do ano, poñendo en valor o compromiso das cidades e a necesidade de avanzar cara a unha gobernanza multinivel máis coordinada e eficaz.

Paralelamente, 2025 estivo fortemente orientado á acción climática sobre o terreo. Iniciativas como Cities Heat Detox impulsaron a transformación dos sistemas de calefacción cara a solucións limpas e sostibles, mentres que Cities Refresh promoveu medidas de adaptación fronte ao aumento das temperaturas e ás ondas de calor. O recoñecemento a cidades pioneiras en descarbonización e o lanzamento de novas guías técnicas reforzaron a capacidade dos municipios para converter os seus compromisos climáticos en plans de acción sólidos, sentando as bases para escalar o impacto local nos vindeiros anos.